ALCALDÍA

Unha campaña arredor das palabras e os zapatos gaña a 3ª edición do Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego

29/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou o establecemento de venda de zapatos Moksín, gañador do III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego. A campaña, deseñada por Tino Barreiro, impúxose a outras seis presentadas e fíxose co premio de 5.000 euros, destinados a por en marcha o proxecto gañador.

A campaña, titulada "Zapatos e outras historias", terá como centro o escaparate e a propia tenda Moksín, unha zapataría situada no Ensanche, na rúa de Montero Ríos. Partindo das propostas de palabras que o público e a clientela formulen, varios artistas crearán cadansúa obra (performativa, plástica, escénica, literaria), na que sempre estarán presentes os zapatos. Periodicamente convocaranse eventos na tenda para presentar/expoñer as obras producidas.

O Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego pretende ser un incentivo para a galeguización da comunicación entre empresas ou establecementos comerciais e o público, así como servir de recurso para promover a calidade e a creatividade na comunicación.

Tras analizar diversos estudos sociolingüísticos observouse que existe un potencial de maior uso do galego no sector socioeconómico. As empresas e negocios empregan menos galego do que lles gustaría aos seus clientes (ao 46.4% pareceríalles ben que se usase máis nas relacións comerciais). Tamén se comprobou que os negocios falan menos en galego cos clientes do que o fan internamente. O uso do galego entre o persoal chega a superar o 50%, pero baixa cos clientes a un 37,8%.

Un recurso a aproveitar
En Compostela existe unha gran diferenza entre o uso que se fai do galego á hora de interactuar coa clientela e o que se fai en ámbitos coma a documentación administrativa ou a publicidade, sendo moito máis frecuente no primeiro dos casos.

Ao mesmo temo, a publicidade é un recurso que non sempre se aproveita ben no eido empresarial a nivel local. Neste sentido, o galego tamén é unha fonte para a creatividade. Baixo o lema "Será por palabras. Hai moitísimas maneiras de contalo, amósanos a túa", este concurso procura xuntar estes ingredientes para que se produza unha campaña na que se combinen as máis efectivas ferramentas publicitarias co uso do galego.

Podían participar no concurso os establecementos comerciais e hostaleiros radicados en Compostela e os profesionais da comunicación e a publicidade. Os participantes debían presentar un proxecto de campaña publicitaria, deseñado para calquera soporte e sistema de distribución, elaborado por un profesional para un negocio concreto do municipio, polo que debía existir unha certa colaboración entre os titulares das empresas e os publicistas que elaboren a campaña. Concorreron ao concurso sete propostas.

O xurado do concurso estivo presidido polo alcalde, Martiña Noriega, e formado por Marta Lois, concelleira de Desenvolvemento Económico; Lucía Castro, técnica municipal de Comercio; María Montoto, responsable de Comunicación da Cámara de Comercio; Francisco Javier Vázquez, de Estudio Decajón; María Yáñez, de A Navalla Suíza; Raquel López, de Marketing & Media; e Socorro García, técnica do Departamento de Lingua Galega, que actuou como secretaria.

Compartir: