TURISMO

A ampliación do "hub" de Air Berlín facilitará o tráfico aéreo cara a Compostela

28/09/2006 O concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, visitou en Palma de Mallorca a nova terminal de distribución de Air Berlin, que permite a conexión de voos en 45 minutos e mellorará o tráfico aéreo entre o aeroporto de Lavacolla e 25 destinos de Europa Central.

A visita institucional tivo lugar grazas á invitación persoal do director xeral de Air Berlin en España, Álvaro Middelmann. No seu percorrido, Candela, acompañado polo director comercial de Air Berlin, Pablo Caspers, constatou o intenso tráfico do "hub" da liña aérea alemá na capital balear, que move a uns cinco millóns de pasaxeiros ao ano.

"A ampliación das instalacións supón unha gran vantaxe para o tráfico cara e dende o aeroporto de Lavacolla", sinalou Candela, "e reforza a accesibilidade dos voos procedentes de toda Europa, cun tempo de conexión inferior aos 45 minutos".

O concelleiro de Turismo recordou que a partir do próximo 1 de novembro Air Berlin reforzará o seu voo diario a Palma de Mallorca cunha nova frecuencia os mércores, venres e domingos pola mañá, elevando a dez os seus voos semanais na capital galega.

Ademais, tamén dende o 1 de novembro, a nova ruta Milán-Bérgamo converterase no vixésimo quinto destino que ofrece a liña aérea alemá dende e cara Santiago a través de Palma.

Air Berlin comezou a operar no aeroporto de Lavacolla o 1 de novembro de 2005, cun voo diario que nun principio conectaba a Santiago con once cidades centroeuropeas, e que agora alcanza tres aeroportos en Austria e dezasete en Alemaña, ademais de Amsterdam, Londres, Zurich e, como última novidade, Milán-Bérgamo.

Compartir: