PROMOCIÓN ECONÓMICA

Éxito de participación e de resultados na rolda empresarial entre empresarios galegos e latinoamericanos

28/09/2006 As 20 empresas latinoamericanas que participaron na rolda de negocios retornaron para os seus países de orixe cunha satisfactoria visión da nosa cidade e cun alto grao de coñecemento da nosa realidade económica e do noso tecido produtivo. Así o indicou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, quen dixo que os empresarios levan a imaxe dunha Compostela "dinámica, innovadora e con peso económico".

Durante tres días celebráronse arredor de 120 entrevistas bilaterais. Por parte galega foron arredor de 50 as empresas interesadas en manter contactos coa delegación latinoamericana. Sectores como o madeireiro, o siderúrxico o turístico ou o de transporte foron os máis representados nestas conversas, ao seren tamén os de maior peso na actividade produtiva da capital galega. Outros sectores coma as novas tecnoloxías e enxeñería, a biomedicina e a acuicultura estiveron tamén presentes nesta rolda empresarial.

Máis a curto prazo, deste encontro xa saíron algúns acordos comerciais e de colaboración, como son a adquisición de produtos por parte das empresas visitantes, principalmente no sector do transporte. Tamén se chegou a acordos de traballo en conxunto nos sectores da madeira, da distribución de produtos alimentarios e bebidas do sector metalúrxico.

O Sistema Económico Latinoamericano y del Caribe (SELA) a principal asociación empresarial de Latinoamérica, foi a entidade que xestionou a composición da delegación visitante, a través do seu programa Iberpyme. É a primeira vez que este organismo intergobernamental de apoio á pequena e mediana empresa realiza unha actividade deste tipo en Europa, logo de máis de 30 anos de existencia.

Coa celebración deste tipo de eventos, Santiago consolida a súa función como cidade de referencia na actividade económica da eurorrexión atlántica que compoñen Galicia e mais o Norte de Portugal, e mesmo de porta de entrada a Europa para as empresas latinoamericanas con vocación transnacional.

O éxito acadado nesta primeira experiencia internacional de intercambio empresarial abre as portas á posibilidade de celebrar outros eventos destas mesmas características. Na Concellaría de Promoción Económica xa se está pensando en eventos similares con empresas mexicanas, catalanas ou portuguesas.

Compartir: