URBANISMO

Sánchez Bugallo: "O novo polígono 6-7 fai máis presente ás Fontiñas na moderna imaxe de Compostela"

27/09/2006 "Unha intervención que vén a completar unha área moi importante na definición final dos límites de este núcleo de poboación das Fontiñas en relación co propio periférico e a avenida de Lugo, facéndoo máis presente na moderna imaxe de Compostela". Así definiu o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o novo espazo residencial creado no polígono 6-7 de Fontiñas e que vén de inaugurar. Trátase de 332 vivendas protexidas e un investimento de 1.376.834 euros.

"En total, actuouse sobre unha superficie de 53.005 metros cadrados, cunha edificabilidade de 31.529. O polígono 6-7 conta con 29.700 metros cadrados para dotacións, equipamentos e zonas verdes e unha superficie de novo viario público de 12.500. A empresa municipal Emuvissa xestionou o desenvolvemento das obras, que efectuou a empresa Dragados.

No acto inaugural, Sánchez Bugallo lembrou que "Fontiñas representa para Compostela ter sido o primeiro paso da modernización urbana emprendida polo goberno municipal en colaboración coa administración autonómica". Neste sentido, considerou esta urbanización "como o primeiro ensanche da etapa democrática, un ensanche racional, equilibrado, moderno, axustado ás necesidades da vida contemporánea pero proxectado cara ao futuro".

"As Fontiñas son hoxe unha peza perfectamente ensamblada na cidade, con personalidade propia, pero son tamén unha peza urbana que non parou de medrar, como pon de manifesto o remate do polígono 6-7 que agora inauguramos", engadiu o alcalde.

Coa inauguración deste polígono, dáselle un pulo importante ao barrio das Fontiñas, que no plan xeral do 89 aparece dividido en 7 polígonos. Coa inauguración do 6-7, só quedarían por acometer o 3 e o 4. A tramitación de ámbolos dous quedou completada a finais de ano, polo que o alcalde manifestou o desexo de que promotores e cooperativa implicados inicien canto antes as actuacións previstas.

Unha vez rematado estes polígonos, o barrio das Fontiñas terá case 5.000 vivendas. O rexedor compostelán salientou a "grande calidade arquitectónica, con espazos libres, dotacións e equipamentos" do barrio, "un barrio modélico en Galicia, España, Europa e no mundo".

Do polígono 6-7 que se acaba de inaugurar, o alcalde compostelán, quixo salientar dous aspectos importantes: trátase do primeiro polígono de vivenda protexida que remata a empresa municipal Emuvissa e ademais contará entre os seus edificios cun bloque, aínda por construír, destinado a persoas con discapacidade. Trátase dunha iniciativa punteira por tratarse do primeiro inmoble destas características que se fai en España. Contará con 24 vivendas .

Finalmente, o alcalde compostelán agradeceu aos antigos veciños e propietarios a colaboración co Concello, porque "sería moi difícil sacar adiante estas actuacións" sen a súa predisposición. Sánchez Bugallo mostrouse moi orgulloso de que se chegase a acordo con case o 100% dos veciños.

Compartir: