ALCALDÍA

O alcalde entregou o Araguaney de Ouro a Isaac Díaz Pardo

27/09/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregou o décimo galardón Araguaney de Ouro, creado pola Fundación do mesmo nome, ao intelectual Isaac Díaz Pardo, nun acto que tivo lugar no propio hotel Araguaney.

A Fundación, que preside Jaber Galheb, convidou ao alcalde compostelán a entregar o Araguaney de Ouro, que nesta décima edición foi concedido a Isaac Díaz Pardo. No seu discurso, Xosé A. Sánchez Bugallo realizou unha semblanza do galardoado, deténdose nalgúns apuntamentos da súa ampla e rica biografía. Fixo fincapé na calidade humana do homenaxeado, no feito de ser Fillo Predilecto da Cidade de Santiago de Compostela dende 1988 e no seu permanente espírito galeguista e inconformista.

Sánchez Bugallo resaltou a gran memoria persoal de Díaz Pardo e o seu incesante labor por recuperar a memoria histórica e colectiva de Galicia. Subliñou que mantivo aceso o facho do galeguismo e da liberdade en tempos difíciles e que foi capaz de aglutinar esforzos para que en Galicia fora posible a existencia dunha industria cultural, como medio de manter e crear unha cultura autóctona. Dixo tamén que Díaz Pardo foi sempre unha voz libre ao servizo da colectividade, mantendo en todo momento un pensamento construtivo capaz de articular iniciativas pioneiras como as Cerámicas do Castro, o Laboratorio de Formas, Edicións do Castro, o complexo cerámico de Sargadelos, o seminario do mesmo nome ou o Instituto Galego da Información.

O alcalde considerou ao homenaxeado coma un home de espírito renacentista polas súas amplas capacidades como artista plástico, deseñador, ceramista, pensador, creador de empresas, comunicador, promotor de actividades culturais, editor etc., cunhas capacidades intelectual e vital extraordinarias. Dixo que Díaz Pardo ten un lugar de honra na historia contemporánea de Galicia e que é merecente de cantas homenaxes se lle teñen tributado, ás que se ven sumar este Araguaney de Ouro, outorgado na súa cidade natal.

Compartir: