TURISMO

Compostela asina o seu irmanamento coa cidade chinesa de QuFu

27/09/2006 Representantes do Concello de Santiago regresaron de China tras supervisar o avance das propostas compostelás para a reordenación turística e patrimonial de Qu Fu, e asinar o documento definitivo de irmanamento entre ambas cidades Patrimonio da Humanidade.

O concelleiro compostelán de Turismo, Francisco Candela, representou a Santiago de Compostela nun acto celebrado o 23 de setembro na cidade chinesa de Qu Fu, no que se produciu o irmanamento oficial entre o berce de Confucio e a cidade do apóstolo Santiago. O documento, asinado previamente polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, foi referendado nese acto polo alcalde de Qu Fu, Zhang Shuping.

O acordo fai énfase no carácter común de Patrimonio da Humanidade e metas de peregrinacións milenarias de ambas cidades e constitúe, de acordo con Candela, "unha porta aberta para a entrada comercial e turística da imaxe de Compostela en China".

Candela viaxou a China o pasado 19 de setembro xunto ao arquitecto responsábel da Oficina de Rehabilitación do Concello, Javier Fernández, para supervisar o avance dos plans de desenvolvemento turístico e de recuperación urbana da Cidade Ming.

Ámbalas iniciativas, de factura compostelá, inscríbense no programa europeo Asia Urbs Heritage, que emprendeu diversas actuacións para a rehabilitación e preservación do casco histórico de Qu Fu, así como para a súa promoción turística, en momentos en que se aproxima a celebración dos Xogos Olímpicos de Beijing de 2008. Os plans están sendo desenvolto por Santiago de Compostela e Rennes desde 2005.

Compartir: