EDUCACIÓN

Sánchez Bugallo anima aos máis novos a apreciar a música

26/09/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á inauguración dun novo curso da Escola Municipal de Música. Alí recordou que era a cuarta ocasión que participaba na apertura do curso e, tras preguntarlles aos rapaces e rapazas pola súa opinión respecto á Escola, expresou o seu desexo de que a mesma sirva para que "aprendan a apreciar a música". Tamén participou no acto inaugural a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos quen recordou a nenos e pais que "facendo música tamén se desenvolven outras facultades, como a memoria ou a capacidade psicomotriz".

Para este concerto inaugural, os mestres escolleron as pezas "All of me", de Simone&Marks, "Tango", de Montse Merino, "Autumn leaves", de Johnny Mercer, e a tradicional "Foliada de Luxán". Este ano foron os profesores os músicos, pero para o vindeiro ano xa poderían ser os propios alumnos, posto que unha das novidades deste curso é a creación dunha orquestra e dun coro propios do centro. A súa presentación acontecerá no concerto de Nadal.

Máis de 200 rapaces e rapazas están xa matriculados para este curso, no que o centro se abre a outros espazos, con concertos nos centros de ensinanza primaria e nas prazas. O centro, situado no Colexio Santiago Apóstolo, ofrece as seguintes especialidades instrumentais: violín, viola, violonchelo, guitarra, piano, percusión, contrabaixo, acordeón, oboe, frauta, saxofón, clarinete, trompeta, trompa, gaita, guitarra eléctrica e baixo eléctrico. Ademais, están previstas diversos cursos e conferencias ao longo do curso.

Compartir: