ALCALDÍA

O alcalde agradeceu o traballo na extinción do lume aos diversos departamentos do Concello

26/09/2006 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu a representantes de diversos colectivos municipais, aos que agradeceu o traballo desenvolvido durante a vaga de incendios sufridos durante este verán no municipio compostelán.

Sánchez Bugallo salientou a entrega de todos os funcionarios e colaboradores que tiñan responsabilidades directas coa prevención, extinción do lume e posteriores traballos de recuperación emprendidos. Fixo fincapé na actitude das persoas que interromperon a súas vacacións para pórse a disposición das autoridades. Do mesmo xeito, subliñou a súa implicación, posto que moitos días foi preciso alongar a xornada ata ver cumpridos os obxectivos de acabar co lume e alonxar o perigo que nalgúns caso supuxo para vivendas e veciños.

Unha vez máis, o alcalde manifestou a súa convicción de que a vaga de incendios foi provocada co obxecto de crear alarma social e considerou a resposta por parte do Concello de rápida e eficaz grazas, resaltou, á profesionalidade de todos os que traballaron na extinción. Analizou algúns incendios polo miúdo e fixo mención de todos os departamentos e colaboradores que interviron no traballo.

Na recepción, que tivo lugar nas dependencias do Pazo de Raxoi, estiveron presentes representantes de Protección Civil, Policía Municipal, Bombeiros, Vías e Obras, Parques e Xardíns, Cruz vermella, e das empresas CESPA, Urbaser e Aquagest, entre outros.

Compartir: