CULTURA

BStudio reflexiona sobre a muller a través da danza

26/09/2006 A compañía compostelá de danza contemporánea BStudio trae ao Teatro Principal "De Meu", o seu novo espectáculo. Nesta coreografía social catro bailarinas reflexionan sobre a condición feminina. O público compostelán terá tres oportunidades para gozar da danza, os días 28, 29 e 30 de setembro, ás 21:00 horas.

"De Meu" chega á os escenarios unha coreografía na que, co seu baile e cos obxectos que as acompañan, critican os símbolos de opresión da muller ao longo dos tempos: os zapatos de tacón, os veos de noiva, os burkas ou os traxes axustados. Como di a directora da compañía, Dolores Mayán, "este espectáculo xorde da necesidade de explorar e repasar os roles que a sociedade asigna á muller. A forza discriminatoria que lles afecta pola soa condición de selo, forzándoas á súa invisibilidade e a non ter liberdade de elixir un camiño de seu".

Emilia Pardo, Natalia Iglesias, Vanesa Otero e Celia Mayer debuxarán arabescos no aire nun espectáculo que, ademais da propia danza, inclúe unha instalación ás portas do mesmo Teatro Principal e unha extensión á Praza do Toural. Unha nova ocasión para contemplar as evolucións desta compañía, liberada do academicismo e que, no escenario, dota ás poses clásicas dunha gran vitalidade.

A actuación no Principal foi presentada polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e pola directora de Ballet Studio Danza de Dolores Mayán. Acompañáronos o xerente do IGAEM, Miguel Martín, e unha das bailarinas, Natalia Iglesias, que animou ao público a asistir a un espectáculo "para ver e deixarse levar".

Compartir: