LINGUA

Unha xornada analizará a importancia so software galego como elemento de normalización

26/09/2006 "Producir, espallar, localizar…software en galego" é o título dunha xornada na que se analizará a situación da localización e da produción de software galego. Este punto de encontro situarase no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal o venres 29 de setembro, ás 10:00 horas.

Este programa ten como obxectivo reflexionar sobre "a importancia do software en galego para avanzar no proceso de normalización, especialmente entre a mocidade", apuntou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Nesta mesma liña insistiu o concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas, que indicou que "para a lingua é un reto estar nas novas xeracións e penetrar en novos ámbitos, como o das TIC".

A xornada ten como principais destinatarios o persoal técnico e especialista das áreas da dinamización lingüística, a terminoloxía, a ofimática, as TIC, a formación e a educación. Tamén están invitados responsables políticos das áreas de industria e innovación, educación, informática e política lingüística, tanto da Xunta de Galicia como de concellos e deputacións, e membros de organizacións sociais relacionadas coa dinamización lingüística, a educación, a formación ocupacional, a localización e a produción e divulgación das TIC.

Entre os puntos a tratar destacan algúns como a experiencia de localización de software baseada no voluntariado, Softcatalá, e a súa convivencia con outras formulacións baseadas na profesionalización. Outro aspecto clave do programa é a análise da situación da localización e da produción de software propio en Galicia as experiencias de localización de software e o debate sobre o "modelo galego" para a súa localización e difusión.

O traballo nesta xornada organizarase en torno a tres áreas: "Localización de software baseada no voluntariado", "A localización e produción do software en Galicia" e "Alfabetización: a chave para a utilización e a difusión".

As concellarías de Política Lingüística e Relacións Veciñais, Educación e Mocidade, Cultura e Promoción Económica, Emprego e Comercio do Concello de Santiago de Compostela organizan este punto de encontro, no que colabora o Proxecto Mancomún.

Compartir: