REHABILITACIÓN

A primeira fase da rehabilitación integral de Vista Alegre comprenderá 200 actuacións e un investimento de 4,9 millóns de euros

26/09/2006 A primeira fase da rehabilitación integral do polígono de Vista Alegre comprenderá 200 actuacións, segundo anunciou a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón. Nestas obras investiranse 4,9 millóns de euros, tal como se indica no programa-memoria desta etapa, que recolle as liñas básicas de recuperación desta zona urbana. Os propietarios de todas estas vivendas poderán solicitar en breve as axudas para as obras, segundo o previsto na Ordenanza xeral reguladora das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rehabilitación integral, tamén aprobada polo Goberno local.

Mercedes Rosón tamén indicou que proximamente se asinará o convenio entre o Concello, a Consellería de Vivenda e o Ministerio de Vivenda para a realización desta primeira fase. Do total de 16 millóns de euros previstos para o proxecto, nesta primeira etapa investiranse 4,9 millóns de euros, dos que catro millóns corresponderán á rehabilitación (elementos comúns, ascensores, fachadas e cubertas) e o resto á reurbanización e vieiros públicos.

Respecto á nova ordenanza, a concelleira comentou que se trata dunha norma "moi traballada, na que se contou coa complicidade da Consellería e coa participación dos propios veciños". Tralo paso polo Pleno e despois do período de exposición pública de 30 días, agárdase que a ordenanza poida entrar en vigor a finais de novembro. Ademais, vaise propoñer á Xunta de Goberno a contratación dun estudio técnico para este proxecto de Vista Alegre, e tamén para o pendente de Pontepedriña.

Tal como se indica na memoria, a rehabilitación integral afectará tanto aos edificios e vivendas como aos espazos libres de uso público e aos vieiros. Nos edificios, as actuacións pretenden solucionar as carencias e deficiencias dos elementos comúns. Así, instalaranse elevadores, intervirase na envolvente dos edificios, arranxaranse as escaleiras e os portais, intervirase sobre as terrazas exteriores e melloraranse as instalacións xerais. Tamén se acometerá a rehabilitación interior das vivendas que o soliciten.

Espazos deteriorados

O polígono de Vista Alegre foi previsto como espazo urbano con uso residencial no Plan Xeral de 1959, aínda que a primeira fase do barrio non se rematou ata principios de 1970. A consolidación do barrio, tal como se coñece hoxe, non se produciu ata finais dos 80. Hoxe son 752 vivendas, distribuídas en 47 edificios, nas que viven 1.245 persoas segundo os datos do padrón municipal.

Nos últimos dez anos, o polígono de Vista Alegre perdeu case a terceira parte dos seus habitantes. Entre as causas para isto hai que sinalar as dificultades de accesibilidade para as persoas maiores pola falta de ascensores e das terrazas exteriores. Os problemas de seguridade polo estado deficiente de varandas e pavimento ou os problema cos desaugues súmanse aos inconvenientes para a habitabilidade.

Santiago de Compostela é pioneira en Galicia neste tipo de rehabilitación, que afecta a ámbitos que non son estritamente os das áreas declaradas patrimonio histórico. Esta actuación de recuperación integral permitirá elevar sensiblemente a calidade de vida dos veciños de Vista Alegre, igual que sucederá cos dos grupos Compostela e Cardenal Quiroga, en Pontepedriña, que está á espera da súa declaración como Área de Rehabilitación Integral (ARI).

Prioridade aos elementos comúns

Ao respecto deste plan de rehabilitación, tamén aprobou o proxecto de Ordenanza xeral reguladora das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rehabilitación integral. Na norma recóllense as condicións esixidas aos edificios e vivendas e aos seus titulares para acceder ás subvencións e determínanse as obras subvencionables. Igualmente, establécese o sistema de reparto en función do nivel de ingresos familiares, do tipo de obra e do destino da vivenda rehabilitada.

Para que a rehabilitación da vivenda sexa subvencionable, deberá ter unha antigüidade maior de 15 anos e o s edificios terán que contar como mínimo co 50% das súa superficie útil destinada ao uso de vivenda, despois de realizada a rehabilitación. As vivendas reformadas con estas axudas deberán destinarse a residencia habitual e permanente durante un prazo mínimo de cinco anos.

As axudas consistirán en subvencións a fondo perdido do custo das actuacións. Non poderán acceder ás mesmas persoas con ingresos familiares superiores a 6,5 veces o indicador publico de renda de efectos múltiples. A contía máxima da axuda en ningún caso excederá de 20.000 euros por vivenda. No caso de locais nos que o promotor participe das obras de rehabilitación dos elementos comúns, non se poderán superar os 12.000 euros. A cantidade mínima aportada por actuación será de 2.000 euros.

Esta ordenanza establece unha prioridade, a rehabilitación dos elementos comúns dos edificios sobre a dos espazos privados da vivenda. A razón é dobre: por un lado, os elementos comúns son os máis deteriorados e, polo outro, son a mellor maneira de por de acordo aos propietarios dos distintos bloques. A este respecto, Mercedes Rosón anunciou que xa había algún grupo de propietarios disposto a acometer canto antes as obras.

Compartir: