TURISMO

Santiago de Compostela converterase no centro do turismo urbano e cultural

25/09/2006 A capital galega acollerá os días 27, 28 e 29 de setembro o Foro Profesional de Turismo Urbano e Cultural, co propósito de crear un lugar de intercambio de opinións e experiencias entre os principais profesionais do sector turístico español. Con esta iniciativa, Santiago colócase no punto de mira dos principais xestores turísticos nacionais, que durante tres días reuniranse para celebrar o Día Mundial del Turismo.

A iniciativa parte da empresa municipal Turismo de Santiago que, xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), organiza o I Foro Profesional de Turismo Urbano e Cultural, un congreso no que se debaterá sobre as novas formas e posibilidades de desenvolvemento do turismo de cultura e de cidade. Deste xeito, Santiago aposta por un novo tipo de turismo que poña en valor as potencialidades da cidade en canto a urbe e en canto a centro cultural. Nesta nova concepción de turismo destacan a revitalización da cidade como museo ao aire libre e centro de congresos, con énfase no turismo gastronómico, artístico ou incluso cinematográfico.

O Foro de Turismo Urbano e Cultural servirá aos principais xerentes de entes turísticos para poñer en común experiencias propias e coñecementos. Ademais dos relatorios dos expertos, mesas redondas e debates, o foro conta cun enfoque práctico que inclúe talleres de formación durante as tres xornadas. Co obxectivo de facilitar o coñecemento do evento creouse a web www.foroturismourbanoycultural.com, dende a que se poderá acceder ao programa do foro e coñecer os paquetes turísticos que habilitou o turoperador oficial de Santiago, Compostur.

O foro celebrarase no Centro de Estudios Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela. Os talleres prácticos inclúen visitas didácticas ás cubertas da Catedral e a ás obras de construción da Cidade da Cultura.

Grupo de expertos

Entre os que estarán en Santiago, sobresae a presenza do experto de marketing turístico Josep Chías, autor do primeiro "Plan de Márketing Turístico de España", considerado un referente mundial neste ámbito. Tamén destaca a asistencia da representante do ente turístico británico VisitBritain, Seren Welch, ou do experto en turismo gastronómico Pep Palau.

Outros ponentes analizarán as relacións entre o turismo e a arte contemporánea, a importancia dos museos nas cidades ou a conveniencia de crear novos produtos que revitalicen continuamente unha cidade como destino turístico.

A primeira xornada, destinada ao turismo cultural, contará coa presenza da directora executiva de membros afiliados á Organización Mundial do Turismo (OMT), Victoria Marcos. Tamén será o turno da propia experiencia da cidade de Santiago. Así, o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva impartirá unha conferencia sobre as políticas de rehabilitación urbanas nunha cidade Patrimonio da Humanidade.

O foro continúa na súa segunda xornada coa intervención de Seren Welch, procedente do VisitBritain, que analizará a cada vez maior importancia da relación entre cine e turismo. Para iso amosará o impacto que a película "O Código da Vinci" tivo en cidades como París ou Londres. A sesión de tarde inclúe o relatorio de Josep Chías "Márketing Turístico de Cidades" e a de Pep Palau, titulada "Gastronomía e turismo".

A última xornada conclúe cun taller práctico impartido polo xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, e cunha mesa redonda sobre o papel das cidades nas políticas turísticas.

Compartir: