ALCALDÍA

Recepción en Raxoi ao Premio Nobel de Física Claude Cohen-Tannoudji

28/05/2015 O Premio Nobel de Física Claude Cohen-Tannoudji, pioneiro en métodos de arrefriamento de átomos con feixes de láser, iniciou esta semana a edición de 2015 do Programa ConCiencia. O físico francés de orixe alxeriana foi recibido en Raxoi polo alcalde compostelán en funcións, Agustín Hernández, e asinou no Libro de Honra da Cidade.

Tras manter unha xuntanza con investigadores do eido da fotónica e o láser, Claude Cohen-Tannoudji pronunciará na tarde deste xoves, no Auditorio Abanca, unha conferencia aberta ao público en xeral sobre a manipulación de átomos con luz.

Claude Cohen-Tannoudji, profesor do Collège de France e Laboratoire Kastler Brossel da École Normale Supérieure (Francia) recibiu en 1997 o Premio Nobel polo 2desenvolvemento de métodos para arrefriar e atrapar átomos con luz láser". El foi un dos primeiros en propoñer o bombardeo de átomos con luz coherente para desaceleralos. Seguindo estas propostas, en 1985, Steven Chu arrefriou un feixe de átomos a unha temperatura de 240 millonésimas de Kelvin por riba do cero absoluto, o que supoñía unha velocidade dos átomos de 0,5 km/h. En 1988, William D. Phillips acadaba unha temperatura de 40 millonésimas de grao por riba do cero absoluto. En 1995, Cohen-Tannoudji rebaixou a temperatura ata 0,2 millonésimas de grao por riba do cero absoluto.

As técnicas desenvolvidas por el, Phillips e Chu foron esenciais para manipular e controlar átomos, o que permitiu dende entón á comunidade científica facer progresos en moitas tecnoloxías. O exemplo máis destacado son os reloxos atómicos, tanto máis precisos canto maior sexa o control sobre os átomos usados para medir o tempo, que axudaron a mellorar a navegación espacial e os sistemas GPS, entre outros avances.

Compartir: