CULTURA

Gil do Carmo presenta en Santiago "A uma voz" no marco do ciclo Sons’15

22/05/2015 Conxugando a tradición de Lisboa e do fado con abordaxes menos convencionais como jazz, Gil do Carmo crea un sentido estético singular e persoal. Como resultado de anos de maduración, o novo proxecto de Gil do Carmo, A uma voz, traduce a espontaneidade e a autenticidade do rexistro acústico da guitarra portuguesa, do acordeón e da voz, nunha sonoridade única. Poderemos escoitalo este sábado 23 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio Abanca, dentro do ciclo Sons’15, co patrocinio de Delta Cafés.

Gil do Carmo, fillo e neto de fadistas, medra no seo dunha familia onde a música impregna a identidade, pero cedo traza o seu propio camiño, conxugando tradición con abordaxes menos convencionais e creando un sentido estético singular e persoal. Aos 19 anos parte para os Estados Unidos, onde estuda nas prestixiosas escolas Musiciens Institute, en Los Angeles, e na Berklee College of Music, en Boston.

Aventúrase en nome propio coa edición de Mil histórias (1997). "Eléctrico em Lisboa", "Tentação demais" e "Tu morres todos os dias" (inédito de Zeca Afonso e Ivan Lins) son algúns dos temas máis exitosos do disco, que conta coa colaboración de Miguel Sá Pessoa. Un ano despois lanza Nus teus olhos, coa participación de Júlio Pereira, Tito Paris e Laurent Filipe. Temas como "Abre a janela da dor", "Encontrado" e "B.leza" asegúranlle a conquista do seu primeiro Disco de Prata.

En detrimento da edición discográfica, dedícase ao seu bar Speakeasy, onde actúa regularmente e promove músicos e cantores lusófonos. Continúa a compor para a súa banda e para artistas de renome como Mariza, Donna Maria ou Carlos do Carmo. Mantén o contacto co seu público en concertos, sobre todo, en territorio nacional.

Reaparece con Sisal (2008), disco no que asume definitivamente a mestura e a fusión da multiculturalidade que abraza países de referencia como Angola, Brasil e Cabo Verde. O Atlántico e a lingua portuguesa son base de partida para o encadramento lusófono no que Gil do Carmo fai cuestión de navegar/ compor.

En Sisal, que contou coa participación de Bernardo Couto, Bernardo Sassetti, Fernando Araújo, Pedro Jóia, Rão Kyao, Sara Tavares, Vicky e a Orquestra Sinfonietta de Lisboa, atopamos os temas "Madres de Goa" e "Carta quente", así como "E se esta noite", "Na maré de ti" e "Secreto segredo", que fixeron parte de bandas sonoras de novelas da TVI.

Despois de Mil histórias, Nus teus olhos e Sisal, Gil do Carmo lanzou seu cuarto traballo discográfico. Resultante de anos de maduración, o novo proxecto, A uma voz, traduce a espontaneidade e autenticidade do rexistro acústico da guitarra portuguesa, do acordeón e da voz, nunha sonoridade que apenas nos remite para Gil do Carmo.

Entradas
As entradas teñen un prezo de 12 euros e poden mercarse, como é habitual, no Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 h), no 902 434 443, en entradas.abanca.com ou no propio recinto do concerto, o Auditorio Abanca, dende as 19:00 horas, dúas horas antes de que comece o mesmo.

Compartir: