INNOVACIÓN

A iniciativa "Tropa Verde" recompensa as condutas de responsabilidade ambiental

20/05/2015 Presentouse esta mañá en Raxoi a iniciativa Tropa Verde,un proxecto propio desenvolvido en galego e dende Galicia, dispoñible na Internet e co obxectivo de fomentar a reciclaxe e a cultura da responsabilidade ambiental entre a cidadanía.

Trátase dun proxecto multimedia, promovido pola empresa Teimas, mediante o cal, tomando como campo de xogo as rúas de Santiago de Compostela, os cidadáns que se rexistren en Tropa Verde e realicen accións responsables ambientalmente, como entregar residuos nos puntos limpos, recibirán recompensas, descontos e premios nos comercios e na hostalería local.

Para facilitar a entrega destes residuos esta iniciativa conta cola colaboración do Concello de Santiago e Urbaser, que achegan os puntos limpos de Piñor e do Tambre, o Punto Limpo Móbil e, en breve, incorporaranse os centros socioculturais da Trisca, Castiñeiriño, Conxo, Fontiñas, Santa Marta, Vite e O Ensanche. Está previsto que a rede se estenda a todos os centros do municipio.

Tropa Verde conta co patrocinio de 70 establecementos do municipio que ofertan máis de 600 recompensas por un valor que supera os 5.000 euros. Estas recompensas van dende descontos en tratamentos de saúde ou menús e consumicións, ata agasallos sorpresa. Nas próximas semanas ampliarase o número de patrocinadores para cubrir todas as zonas cidade.

Para participar neste proxecto, que se iniciou o pasado 17 de maio coincidindo co Día Internacional da Reciclaxe, so hai que unirse á Tropa Verde rexistrándose co correo electrónico ou a conta de Facebook. Unha vez se depositen os artigos, coma pilas, aceite vexetal, tapóns ou mobles vellos, nos puntos de recollida indicados na web, recibirase un talón que deberá ser trocado na páxina www.tropaverde.gal por unha serie de puntos en forma de estrelas que se poderán cambiar polas recompensas ofertadas.

Compartir: