TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade como destino de congresos, xornadas e eventos profesionais no mercado alemán

18/05/2015 Turismo de Santiago promocionará a cidade no IMEX de Frankfurt, o evento profesional máis importante de Alemaña no sector de Congresos, Xornadas e Incentivos, que se celebra en Frankfurt do 19 ao 21 de maio. A entidade municipal participará a través do seu servizo para a promoción da cidade como destino de Congresos, o Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB).

O SCCB fará o día 20 unha presentación da cidade aos profesionais alemáns do sector interesados en Santiago non só como destino turístico ou punto final do Camiño, senón tamén como cidade para a celebración de congresos, xornadas ou calquera tipo de evento profesional. Ademais, manterá reunións con profesionais do sector para presentar a cidade como un destino cun atractivo turístico importante para o público xermano, pero tamén cunha gran infraestrutura hoteleira e de servizos para acoller eventos profesionais.

Dende o SCCB porase en valor a importante mellora da conectividade aérea co país xermano, gracias ao estreo de tres novas rutas directas a Düsseldorf, Munich e Berlín, que se suman á xa consolidada a Frankfurt. Coa incorporación das tres novas conexións de Vueling, Santiago terá a mellor conectividade directa con Alemaña da súa historia. Trátase dunha oportunidade para continuar crecendo no mercado xermano, que xa é un dos dous principais mercados internacionais para a cidade, xunto co italiano. Entre ambos suman máis de 100.000 pernoctacións, preto dun 10% de todas as que se producen na cidade.

Dende o ano 2008, o mercado xermano suma regularmente máis de 50.000 pernoctacións nos hoteis de Santiago. O máximo logrouse no Ano Santo 2010, con 56.437, segundo o INE. Antes de coñecer os datos oficiais correspondentes ao 2014, a previsión é que o ano pasado se roldara esta cifra. O obxectivo para o 2015 é lograr un novo máximo histórico do turismo xermano na cidade, superando por primeira vez as 60.000 pernoctacións.

Turismo de Santiago está facendo neste comezo de ano un intenso labor de promoción da cidade en Alemaña e das novas conexións aéreas con este mercado. Por exemplo, a comezos de febreiro participou co Grupo de Cidades Patrimonio en Reisen, unha feira que se celebrou en Hamburgo, os días 25 e 26 de febreiro participou en Stuttgart e Frankfurt nunhas xornadas para organizadores de congresos, eventos e incentivos, e a comezos de marzo participou na ITB de Berlín, a feira turística máis importante do país.

Documentos relacionados



Compartir: