CULTURA

O Teatro Nacional Dona María II de Lisboa presenta en Santiago o seu "Saxo tenor" dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués

18/05/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, presentaron esta mañá a versión de Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño, que porá sobre as táboas do Teatro Principal a compañía lisboeta Teatro Nacional Dona María II neste mes de maio. Na presentación estiveron acompañados polo director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede; o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; e o director da obra, José Martins.

Esta versión de Saxo tenor poderá verse o venres 29 de maio ás 17:30 e o o sábado 30 ás 20:30 horas. Está enmarcada dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, iniciativa do Concello de Santiago e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia que celebra, neste 2015, a súa segunda edición. Consiste en aglutinar nun só programa toda a oferta teatral galega e portuguesa que se pode ver nos dous principais espazos escénicos da cidade, Teatro Principal e Salón Teatro, ao que se engade a oferta escénica máis alternativa da Zona C, e ofrecer unha bonificación a aqueles que asistan a varios espectáculos.

Co Bono, que ten un prezo de 35 euros, pódese accederse a cinco das funcións a elixir do programa a un prezo máis atractivo que se se adquiren entradas soltas. As entradas soltas para este evento teñen un prezo de 10 euros e poden mercarse tanto no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) como en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Saxo tenor, de Vidal Bolaño
Unha desgraza suburbana improbable entre loucos, gangsters, chulos e prostitutas: foi así que Roberto Vidal Bolaño subtitulou esta peza escrita en 1991. O compostelán Roberto Vidal Bolaño é un dos máis importantes dramaturgos, directores e actores galegos contemporáneos. En Saxo tenor, o autor –herdeiro lexítimo de Ramón María del Valle Inclán– propón un verdadeiro esperpento de final do século XX.

Esta peza recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro 1991 ao mellor texto teatral orixinal. Agora chega á súa cidade da man da compañía nacional de teatro lisboeta Dona María II, un dos centros teatrais máis emblemáticos da capital lusa.

Compartir: