CONSORCIO

O programa de divulgación "ConCiencia" traerá a Santiago ao Nóbel de Medicina Torsten Nils Wiesel

22/09/2006 Baixo a denominación de "conciencia", o Consorcio de Santiago de Compostela vén de deseñar unha programación estable de divulgación científica que traerá ata a cidade a varias figuras do máximo nivel, entre eles varios Premios Nóbel. Os vindeiros días 9 e 10 de outubro estará na cidade o prestixioso doutor sueco Torsten Nils Wielsen.

O obxectivo do programa "ConCiencia" é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que se producen intercambios de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional.

A presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da Física, a Química, a Matemática e a Medicina débese en grande parte aos vencellos existentes entre o cadro de investigadores da Universidade de Santiago (USC) e estes persoeiros, unido ao esforzo realizado polo Consorcio para congregalos todos nun mesmo contexto xeográfico. A coordinación do programa "conciencia" corre a cargo de Jorge Mira Pérez, profesor da Facultade de Física da USC.

A lista de poñentes iniciouse no mes de marzo co científico suízo Heinrich Rohrer, Premio Nóbel de Física en 1986. Agora é o turno do Nobel de Medicina sueco Torstein Nils Wiesel, que recibiu o prestixioso galardón en 1981 polos seus descubrimentos sobre o procesado de información no sistema visual. Os resultados de Wiesel demostraron como a zona cerebral encargada da visión necesita de estímulos para o seu desenvolvemento. O seu achado converteuse nun aspecto clave na eterna cuestión de se as cualidades dun individuo son innatas ou adquiridas.

A organización do programa "ConCiencia" discorre paralela á celebración de varios fitos importantes de carácter científico durante o ano 2006, como foi a celebración da Asemblea Xeral da International Mathematical Union. Ademais, este ano conmemórase o centenario da concesión do Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina a Santiago Ramón y Cajal.

Compartir: