FESTAS

A Feira Cabalar, Auryn e a orquestra París, pratos fortes do día grande da Ascensión

13/05/2015 Un ano máis, o día grande das Festas da Ascensión acolle a celebración da tradicional Feira Cabalar no Mercado Nacional de Gando de Santiago (Amio), que este ano está cargada de novidades. O evento está promovido pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego coa colaboración do Concello de Santiago.

As actividades darán comezo a partir das 9:30 horas coa apertura de inscricións. Ás 10:00 horas terá lugar o concurso morfolóxico oficial de cabalos de pura raza galega, puntuable para a XV Copa Galicia Pura Raza Galega, e ás 10:30 horas será a quenda das eguas para este mesmo concurso. O gañador recibirá o Gran Premio Dragóns de Santiago.

A partir das 11:00 horas celebrarase o Concurso Tradicional de Andadura Galega nas súas dúas modalidades, serrada (a dous tempos) e chapeada (catro tempos), probas puntuables para o XVIII Campionato Galego. Esta proba será medida en tempo polo secretario xeral da mesma, Joaquín González Troncoso, e o xuíz de faltas Antonio Castro, atendendo ao regulamento oficial de competición

Dende a organización estímase unha participación de máis de 40 xinetes galegos chegados das catro provincias que, durante todo o ano, participan no Campionato Galego. A de Santiago é a quinta proba do mesmo .

Espectáculos de doma
Como novidade este ano, desembarcan na tradicional Feira Cabalar de Santiago dous espectáculos de doma que por primeira vez chegan a Galicia. Procedente de León e a cargo do Centro Ecuestre "Mirantes", o domador Manuel Mirantes presentará o seu espectáculo de doma de alta escola, doma á vaqueira, carrusel con cintas, doma en liberdade e traballos con ponis. O punto forte de este espectáculos son os exercicios de garrocha e volteo.

Pola súa parte, a sección de doma de alta escola de Galicia, presentará o seu "Camiño de Compostela", que por primeira vez na historia da raza cabalar galega traerá á pista de exhibicións un carrusel de doma clásica realizado integramente con cabalos de pura raza galega baixo a dirección do xinete Jesús Riveiro.

Outras actividades
Ademais da tradicional Feira Cabalar, a programación das Festas da Ascensión 2015 continúa no centro de Santiago cunha serie de actividades culturais e musicais para nenos e maiores. A xornada festiva arranca ás 12:30 horas coa comparsa de cabezudos que desfilará por céntricas rúas. Pola tarde, a partir das 16:30 horas terá lugar a Carreira Ciclista Festas da Ascensión, que partirá da avenida Xoán Carlos I. Entre ás 17:30 e as 19:00 horas, a Zona C acollerá o espectáculo de títeres Cocer e cantar (5 €).

A programación musical regresa a partir das 19:00 horas na praza da Quintana co concerto ofrecido pola Banda Municipal e o Cantorum Compostelano, que deleitarán aos asistentes con pezas de Rossini, Verdi, Vives e Soutullo, entre outros.

Ao longo da tarde, o folk estará presente en varios puntos do casco histórico, como as prazas de San Agustín, do Toural, do Obradoiro e da Inmaculada, grazas a grupos como Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia, que ofrecerán unha actuación conxunta.

A praza da Quintana e a Alameda volvenser os enclaves da programación nocturna do día grande das festas. A primeira acollerá o espectáculo Santiago 40 Pop dos 40 Principales, que a partir das 21:00 horas contará coas actuacións do Dj Paulo Regueiro, dos grupos DVicio e Auryn e do Dj Óscar Martínez. Mentres tanto, a Alameda acollerá a actuación da popular orquestra París de Noia.

Compartir: