DEPORTES

A Volta Ciclista da Ascensión alcanza este xoves a súa XVII edición

13/05/2015 A Volta Ciclista da Ascensión chega xa á súa edición número XVII maña xoves 14 de maio. A proba discorrerá unha vez máis polo entorno de Santiago e terá saída (16:30 horas) e chegada na avenida de Xoán Carlos I. O calendario ciclista das Festas completarase o sábado 16, tamén ás 16:30 horas, coa celebración da Carreira ciclista de escolas-cadetes e féminas "Trofeo Concello de Santiago".

A concelleira de Deportes, María Corral, animou os composteláns a presenciar a carreira, unha clásica no calendario ciclista galego. Por terceiro ano repítese o mesmo circuíto de 125 quilómetros polos municipios do entorno de Compostela.

Os corredores atoparán tres portos de montaña e cinco metas voantes. É un circuíto vistoso, xa que a súa proximidade e características permitirá aos afeccionados presenciar a proba en distintos puntos e momentos da carreira.

Acompañaron á concelleira na presentación da carreira Manuel Paz e Guillermo Fernández, presidente e director técnico, respectivamente, do Club Muebles Compostela, organizador da proba, e Kiko Martínez, da Federación Galega de Ciclismo.

Modificacións no tráfico
Os participantes concentraranse entre as 14:00 e as 15:00 horas na avenida Xoán Carlos I e a saída neutralizada terá lugar ás 16:30 horas. O percorrido na cidade será o seguinte: Rosalía de Castro, Choupana, Volta do Castro, Ponte da Rocha e Milladoiro. Regresarán sobre as 19:00 h pola estrada de Noia, Vidán, Mestre Mateo, Camiño Novo, Rosalía de Castro e Xoán Carlos I, onde estará situada a meta.

Por este motivo, a avenida Xoán Carlos I estará cortada ao tráfico entre as 13:30 e as 20:00 horas do propio xoves 14 e tampouco se poderá estacionar. Habilitarase como vial alternativo a rúa Montero Ríos, en dirección praza de Galicia, dende Rosalía de Castro e o Pombal en dirección saída da cidade. No resto das rúas polas que transcorre a carreira produciranse cortes puntuais.

Todos os cortes e os desvíos estarán debidamente sinalizados e atendidos pola Policía Local.

Compartir: