CONSORCIO

Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerán dous concertos para adultos e nenos hospitalizados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

12/05/2015 Os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) protagonizan varios concertos de música de cámara con fins sociais ao longo do ano. Así, este mércores ofrecerán dúas actuacións no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Ambas citas musicais terán lugar ás 12:00 horas.

Un grupo de alumnos visitará a unidade de Pediatría. Os nenos hospitalizados terán a oportunidade de desfrutar de varias obras infantís da man desta agrupación de cámara.

Ademais, outro grupo de alumnos dará un concerto na área de Oncoloxía. Nesta ocasión serán tres violíns, dúas violas e un violoncello. Achegarán aos internos do Hospital Clínico a Oración del Torero, do compositor andaluz Joaquín Turina: Tango por una cabeza, de Carlos Gardel; Habanera, do compositor francés Georges Bizet; El día que me quieras, de Gardel; Libertango, do arxentino Astor Piazzolla; Andaluza, de Enrique Granados; El Choclo, do arxentino Ángel Villoldo; e La Cumparsita, de Gerardo Matos Rodríguez.

Tal como indica o xefe de estudos da EAEM, Enrique Meyer, "unha das grandes preocupacións e ilusións da escola é facer chegar a música de cámara a públicos e colectivos que teñen dificultade para achegarse a ela, como é o caso dos menores e adultos hospitalizados. E para os novos intérpretes é unha oportunidade importante para tocar en público e mostrar as súas calidades como músicos cun gran futuro neste eido".

Compartir: