CULTURA

María Antón participou no acto literario da USC con motivo do Día das Letras Galegas

12/05/2015 A concelleira de Cultura, María Antón asistiu no Pazo de Fonseca, ao acto literario organizado pola Universidade de Santiago con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Durante o mesmo, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pronunciou a conferencia Filgueira Valverde e a USC antes e despois de 1936.

No acto presentouse o volume correspondente a Xosé Filgueira Valverde da colección Día das Letras Galegas, que anualmente elabora o Departamento de Filoloxía Galega da USC e cuxa edición nesta ocasión foi responsabilidade de Anxo Tarrío.

A publicación recolle oito artigos nos que se desgrana a prolífica traxectoria do homenaxeado, cofundador do Seminario de Estudos Galegos e do Museo Provincial de Pontevedra, membro numerario das Real Academia Galega e da de Historia, membro correspondente da de Bellas Artes de San Fernando, director do Instituto Padre Sarmiento e da Casa Museo Rosalía de Castro e presidente do Consello da Cultura Galega.

Licenciado en Dereito pola USC, catedrático de Literatura no ensino medio, doutor en Filolsofía e Letras pola Universidade de Zaragoza e diplomado en Psicloxía pola USC, Filgueira Valverde foi ademais alcalde de Pontevedra e conselleiro de Cultura.

No volume, o traballo conxunto das profesoras Mercedes Brea e Elvira Fidalgo pon de relevo a transcendencia dos estudos de Filgueira Valverde na literatura medieval, mentres que Carlos Villanueva fai o propio coa música do século XX. Isabel Mociño dá conta do papel do intelectual na formación do sistema literario infantil e xuvenil galego á vez que o propio Xesús Alonso Montero explica a súa importancia na sonetística galega a través da resposta recibida a un inquérito, ata agora inédito, que o presidente da RAG formulaba a moitos especialistas cando realizaba un estudo sobre o soneto en lingua galega.

O profesor Fernando Acuña mostra as achegas de Filgueira Valverde á arqueoloxía galaica, e da súa vocación de creador literario fala o profesor Luís Cochón. O libro complétase cun artigo do director da RAE, Darío Villanueva, no que narra tres acontecementos que lembra vivir a carón do homenaxeado, entre eles a súa propia investidura en 1996 como doutor honoris causa da Universidade compostelá.

Compartir: