CULTURA

Vaudí canta a Víctor Manuel en clave brasileira noutra entrega do ciclo Sons’15

11/05/2015 Vaudí presenta Un poco de ti en Compostela dentro do ciclo Sons’15. O concerto, no que interpreta temas de Víctor Manuel en clave brasileira, será este martes 12 de maio, ás 20:30 horas, no Salón Teatro. As entradas teñen un prezo de 5 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00h), en entradas.abanca.com e no 902 434 443. Ademais, o propio día do concerto tamén se poden adquirir no Salón Teatro a partir das 18:30 horas.

Un poco de ti o novo proxecto de Vaudí reúne once cancións de Víctor Manuel filtradas a través da música brasileira. Bossa, jazz e música popular brasileira para reinterpretar éxitos como "Nada sabe tan dulce como su boca" ou "Solo pienso en ti" nun disco co que Vaudí Calvacanti (músico orixinario de Pernambuco) tamén quere homenaxear a terra asturiana que o acolleu con agarimo xa hai máis de vinte anos.

O propio Vaudí, invitado por Víctor Manuel, foi o encargado de abrir recentemente os multitudinarios concertos que en Oviedo celebraron os 50 anos de carreira do cantautor asturiano.

Máis Sons’15
O ciclo continuará en maio con Gil do Carmo o día 23 no Auditorio Abanca, para presentar A Uma Voz, e o venres 29 de maio con Puntada Sen Fío, que ofrece o seu primeiro traballo discográfico, A lúa prendeu a luz; será no Centro Galego de Arte Contemporánea ás 21:00 horas.

Xa en xuño estará o venres 5 Fred Martins co seu novo traballo, Para além do muro do meu quintal no Teatro Principal e, o mércores 10, pechan a programación deste primeiro semestre Uxía & Narf no Salón Teatro con As baladas da Galiza imaxinaria.

Compartir: