CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Asturias Verdemar", nova viaxe do programa municipal Imos de Excursión 2015

11/05/2015 O programa Imos de excursión 2015 segue coa súa programación a través dos centros socioculturais coa organización dunha viaxe a Asturias os próximos días 6 e 7 de xuño. As persoas interesadas en participar nesta nova visita poderán apuntarse a partir deste martes 12 de maio, dende as 17:00 horas, nos centros socioculturais.

Os participantes coñecerán vilas da comunidade veciña coma Villaviciosa, Ribadesella ou Covadonga. A primeira parada da excursión terá lugar en Villaviciosa, onde tras xantar percorrerase a vila, coa posibilidade de visitar unha adega de sidra. A continuación porase rumbo cara Ribadesella, onde os asistentes coñecerán o río Sella, o casco histórico, a Gran Vía" ou a praza da Igrexa.

Durante a segunda xornada visitarase o Santuario da Virxe de Covadonga: Cova, Real Sitio e Basílica. Despois partirase cara Cangas de Onís, a que fora primeira capital do Reino Astur, coa súa ponte romana sobre o río Sella e a súa cruz da Vitoria. Tras o xantar concertado partirase cara Santiago con pequenas paradas durante a ruta.

O prezo da viaxe é de 87 euros por persoa, nos que se inclúen o desprazamento en autocar, o aloxamento en hotel de tres estrelas con habitación dobre en réxime de pensión completa, o xantar concertado en Cangas de Onís, as visitas e excursións anteriormente citadas, o guía acompañante e seguro de viaxe.

Documentos relacionados



Compartir: