EDUCACIÓN

Clausurada a XV Campaña Municipal de Animación á Lectura "Ler e voar"

09/05/2015 A Galería Sargadelos e a rúa Nova acolleron unha actividade moi especial para clausurar a XV Campaña de Animación á Lectura. A Bandiña da Escola Municipal de Música, integrada por 33 nenos e nenas de 7 a 10 anos, interpretou varias pezas do compositor holandés Jan de Haan. A concelleira de Educación, Maite Cancelo, asistiu a esta sesión, na que tamén houbo contos e outras sorpresas.

Baixo a dirección de Fernando Rey, os nenos e nenas da Bandiña da EMM interpretaron as composicións "Tocando xuntos é moito mellor", "Marcha de McDonald", "A carreira da Tartaruga", "Canción do forte e do animoso" e "Un home chino en París", todas elas de Jan de Haan.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura, que levou por título Ler e voar, baseouse no traballo de Federico Delicado, que resultou gañador do VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polo Departamento de Educación e a Editorial Kalandraka.

Esta iniciativa, que cumpriu a súa XV Edición, desenvolveuse dende o 24 de marzo ata este 9 de maio e comprendeu un conxunto de iniciativas en prol da animación á lectura para as familias, o profesorado e os nenos e as nenas de Santiago e comarca.

Compartir: