CULTURA

Música e teatro na xornada cultural do sábado

08/05/2015 Na programación cultural do sábado temos catro citas coa música e o teatro. Comeza a xornada ás 20:00 horas con música: no Auditorio de Galicia teremos as Orquestras Xuvenil e Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música da cidade dentro do ciclo Novas Orquestras, mentres que a Asociación de Amigos da Ópera ofrece no Principal o seu Recital Lírico con motivo do Día Mundial da Ópera.

Ás 20:30 horas, no Salón Teatro, e dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, poderemos ver a creación colectiva con implicación social Nós, e na Zona C Minor Empires ofrece por vez primeira na nosa cidade o seu potente directo, dentro do Compostela Rock, acompañados por Visceral Eyes.

A Orquestra Xuvenil de Corda do CMUS naceu no ano 2007 co nome de Orquestra de Corda de Grao Elemental e estaba formada de xeito voluntario por alumnado de 3º e 4º de grao elemental, para cubrir un oco importante na formación dos alumnos de corda e tentando fomentar a práctica instrumental en grupo. A Orquestra Sinfónica do CMUS de Santiago converteuse en sinfónica no ano 2009, integrando todas as especialidades instrumentais do noso centro que teñen cabida nun plantel sinfónico.

Este concerto, ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia, está enmarcado dentro do ciclo Novas Orquestras e a entrada é de balde previa retirada no Teatro Principal ou no propio Auditorio o día do concerto

Ana Nebot, soprano, Marina Rodríguez Cusí, mezzosoprano e Ludmila Orlová, piano, ofrecerán un recital dentro das actividades do Maio Lírico da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. A partir das 20:00 horas, no Teatro Principal, Interpretarán obras de Monteverdi, Haendel, Mozart, Bellini, Rossini, Offenbach, Massinet, Bizet e Delibes.

As entradas teñen un prezo de 5 euros e existe unha entrada "ópera en familia" coa cal pola cal con dous adultos poden entrar de balde dous menores de 12 anos.

Nós é unha creación colectiva inspirada en A maquina de fazer espanhóis, de Valter Hugo Mãe. Nos silencios gardamos a memoria de Nós mesmos. Cos xestos resgamos os Nós que nos prenden no tempo e no espazo, enchendo os días de memorias vividas ou aínda por vivir… A Pele (espazo de contacto social e cultural) e a Asociación de Xordos do Porto, con desexo compartido de cimentar pontes de comunicación entre as comunidades xorda e oínte, veñen establecendo un diálogo ao través do teatro, en canto a linguaxe universal… Nós é o cuarto proxecto teatral materializado dende 2008 a partir desta frutífera, comprometida e inspiradora colaboración.

As entradas teñen un prezo de 10 euros e poden retirarse co Bono de Teatro Galego e Portugués, co cal saen a 7 euros. O espectáculo comezará ás 20:30 horas no Salón Teatro.

Tamén ás 20:30 horas, pero na Zona C, nova entrega do ciclo Compostela Rock. Minor Empires, banda formada coma proxecto paralelo por membros de Toundra e Nothink veñen de novo a Galicia, por primeira vez a Santiago de Compostela, para presentar novo traballo e o disco editado en abril de 2014 e co que están percorrendo a Península de arriba abaixo cun potente directo e un son moi coidado e traballado. A banda que abrirá este concerto serán os pontevedreses Visceral Eyes, nomeados pola web de Desconcierto cultural coma unha das 15 bandas a seguir neste 2015.

As entradas teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 euros o día do concerto. Ademais de no Principal e na Zona C, poden mercarse en A Reixa Tenda e Notikumi.

Compartir: