XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba un cambio nas datas de ocupación da Alameda durante as festas da Ascensión e do Apóstolo

08/05/2015 A Xunta de Goberno, nunha sesión extraordinaria celebrada este xoves, acordou acceder á petición do adxudicatario da autorización da ocupación de vía pública na Alameda para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo. Xa na sesión ordinaria celebrada na tarde deste venres, deuse o visto bo a novas axudas para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico e a tres convenios con entidades culturais.

A proposta aprobada en relación á Alameda consiste no traslado de tres días de ocupación das atraccións que corresponderían ás Festas do Apóstolo para as Festas da Ascensión. O obxectivo deste cambio é permitir que a apertura de postos de venda e das atraccións se realice practicamente de forma simultánea, de xeito que a partir do 9 de maio a Alameda conte con todas as ocupacións previstas.

A alteración supón pospoñer en tres días a ocupación das atraccións no Apóstolo, razón pola que a medida non comporta variación de prezo. As datas de ocupación na Alameda quedan así:

- Festas da Ascensión: do 8 ao 24 de maio para postos e do 9 ao 19 de maio para atraccións.

- Festas do Apóstolo: do 16 de xullo ao 1 de agosto para postos e do 24 ao 31 de xullo para atraccións.

Rehabilitación
A Xunta de Goberno aprobou tamén definitivamente 13 axudas para outras tantas vivendas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do casco histórico, incluídas na 13ª fase do convenio entre o Ministerio de Fomento, o IGVS e o Concello de Santiago, por importe total de 77.393 euros. Catro destas axudas, por importe de 28.505 euros, corresponden á anualidade de 2014 e as outras nove, por importe de 51.888 euros, son da anualidade de 2015.

Convenios culturais
En materia cultural, aprobáronse os textos dos convenios a subscribir polo Concello con tres entidades culturais para colaborar economicamente no financiamento das súas actividades:

- Asociación Cultural Francisco Asorey, 2.000 euros para a preparación do primeiro volume do catálogo da obra artística do escultor.

- Asociación do Traxe Galego, 3.825 euros destinados á realización de diferentes cursos, participación en desfiles e mostras, edición dun boletín de novas e formación dunha base documental e fondo de traxes.

- Asociación Cultural O Galo, 2.000 euros para distintas actividades (roteiros, visitas guiadas, presentacións, exposicións…), na súa maioría de temática compostelá.

Transporte urbano
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a prrórroga do orzamento da concesionaria do transporte municipal urbano colectivo de viaxeiros, TRALUSA, correspondente ao ano 2013, coa revisión do prezo por quilómetro en función da previsión do IPC para o ano 2015 (-0,4%).

A prórroga faise en función do disposto no prego de condicións que rexe o contrato subscrito en febreiro de 2006 e mentres non se estableza a liquidación final do custo do transporte urbano en 2014, que permita a aprobación do orzamento para o ano actual.

Como consecuencia dos cálculos realizados, o déficit previsto de explotación sería de 3.442.634 euros, cantidade da que -segundo as condicións do contrato- o Concello debe facer unha compensación anual de entregas a conta dende o 1 de xaneiro de 2015 de 3.098.370 euros, que equivale ao 90% do déficit previsto. Iso supón 12 pagamentos mensuais de 258.197 euros.

Operación de tesourería
Por outra parte, na Xunta de Goberno extraordinaria do xoves adxudicouse a operación de tesourería por importe de 8 millóns de euros á entidade Banco de Santander, por presentar a oferta cun tipo de xuro máis baixo: 0,29%.

Documentos relacionados



Compartir: