FURACÁN

O temporal deixa escasos danos materiais en Santiago

21/09/2006 Os restos do furacán Gordon chegaron a Santiago moito máis debilitados do que nun inicio se prevía, polo que, tralo seu paso, o balance sáldase con escasos danos materiais. O incidente máis importante tivo lugar en San Marcos, onde se rexistrou un incendio que foi rapidamente extinguido polos bombeiros. No resto do municipio, os efectos do temporal redúcense á caída de árbores, de tellas e dalgunha sinal de tráfico.

A menor intensidade do furacán Gordon e as medidas de prevención adoptadas polo Concello fixeron que as consecuencias do paso do temporal pola cidade se limiten a escasos danos materiais. O suceso de maior importancia rexistrouse arredor das 7:40 horas en San Marcos, onde se iniciaba un incendio por causas que aínda se descoñecen. A rapidez na actuación dos bombeiros, que deron por extinguido o lume sobre as 9:00 horas, evitou que o lapas fosen a máis. O resto das incidencias redúcense á caída dalgúns farois, sinais de tráfico, tellas nalgunhas zonas do Casco histórico e ó derrubamento polas rachas máis fortes de vento de dez árbores no Campus Sur e na zona rural do municipio. Segundo salientou o alcalde en funcións, Néstor Rego, "o dispositivo funcionou con celeridade e rapidez no incendio e na retirada de árbores en vías públicas, o que permitiu que non se tivese que cortar o tráfico".

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Xosé Baqueiro, destacou que certas medidas de prevención, como a retirada das terrazas ou o peche dos colexios, axudaron a facer máis febles as consecuencias. "Ao suspenderse as clases, non houbo transporte escolar e as retencións foron moito menores das habituais", nun momento (entre 8:00 e 8:30 horas) que coincidiu coa maior intensidade do temporal.

Durante a mañá, os equipos municipais traballaron na retirada de pólas e follas, evitando así que a acumulación destas últimas puidese provocar inundacións nalgunhas zonas da cidade. A pesar de que o peor da borrasca xa pasou, o dispositivo de prevención do Concello manterase activo ata as 4 desta tarde, hora ata a que continúa a situación de alarma en Galicia. O alcalde en funcións felicitou aos integrantes do devandito dispositivo pola súa actuación "áxil e eficaz".

Compartir: