FESTAS

Ana Obregón, Teté Delgado, Elisa Matilla e Fabiola Toledo presentan en Santiago a comedia teatral "Sofocos Plus"

07/05/2015 Ana Obregón, Teté Delgado, Elisa Matilla e Fabiola Toledo son as protagonistas de Sofocos Plus, comedia que chegará o 16 de maio a Compostela. Será ás 19:00 horas no Auditorio Abanca, enmarcada dentro das festas da Ascensión. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443, e en entradas.abanca.com. Ademais, poderán adquirirse o propio día do evento no Auditorio Abanca dende as 17:00 horas. Os prezos son de 25 € no patio de butacas, 22 no anfiteatro 1 e 20 no anfiteatro 2.

Outro aceno irónico sobre os cambios hormonais das mulleres ao chegar a tan temida menopausa. Novas historias cotiás, nunha peluquería, nun supermercado, nun ximnasio... Unha comedia que promete liberar ás mulleres do falso mito da histeria hormonal, unha vez alcanzado o medio século, e que converterá aos homes nos seus cómplices. Ágatha Ruiz de la Prada é a encargada do vestiario e escenografía e o elenco inclúe a colaboración virtual do popular presentador Carlos Sobera.

Ana Obregón: actriz, presentadora, bailarina, bióloga, escritora e moi querida no ámbito da televisión, tanto en series de ficción como en programas e concursos televisivos. Desde hai moitos anos é un dos rostros máis populares da prensa española.

Fabiola Toledo: Formada na Escola nacional de Arte Dramática Silvio D’Amico (Roma). Ao longo dos últimos 30 anos, desenvolveu unha ampla carreira como actriz en teatro, cinema e, sobre todo, televisión. En teatro protagonizou Sofocos, Máis Sofocos e Re-sofocos.

Elisa Matilla: Formada na Escola de Arte Dramática de Sevilla, debuta no programa ¿Esto qué es? (1989-1990). En 1990 realiza a súa primeira intervención cinematográfica na película Yo soy esa, protagonizada por Isabel Pantoja. Intervén nalgúns dos títulos máis taquilleiros do cinema español, concursos, series e teatro.

Teté Delgado: Despois de presentar varios programas de televisión na TVG, deu o salto a T5 coa serie El súper. Estivo presente en todas as cadeas, presentando, colaborando, sendo xurado e concursando. Traballou en teatro e en cinema protagonizou varias películas. Actualmente tamén é a frontwoman da banda de rock and roll Teté y los Ciclones.

Juan Luís Iborra: A arte da narración, a posta en escena e todo o que teña que ver coa imaxe ten poucos segredos para Juan Luís Iborra. É guionista, director de cinema e televisión, e director de teatro.

Compartir: