RELACIÓNS VECIÑAIS

"Artistas na rúa", nova exposición fotográfica na Casa das Asociacións de Cornes

07/05/2015 A Casa das Asociacións de Cornes acolle dende este venres e ata o 29 de maio o proxecto expositivo Artistas na rúa, producido por alumnos e alumnas de 3º grao en Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.

Este proxecto expositivo pretende dar voz e notoriedade aos artistas das rúas de Santiago de Compostela, que cada día nos amenizan dende o seu anonimato coa súa arte. A mostra céntrase nunha serie fotográfica que nos presenta o día a día destes artistas e está ligada a un traballo académico da materia de Museoloxía e Museografía, impartida polo profesor Miguel Anxo Rodríguez González, quen supervisou o traballo.

A exposición reúne oito artistas rueiros de Santiago de Compostela mediante un traballo fotográfico realizado polos propios alumnos e no que se pode discernir a actividade artística de cada un deles. Son artistas que exercen dende o anonimato, polo que se lles quere outorgar o protagonismo que merecen poñendo nome a caras que vemos de cotío.

As fotografías que conforman a mostra recollen imaxes da actividade cotiá dos artistas, e achégannos ás súas historias persoais. Así, por exemplo, Paola Sperger é una soprano chilena licenciada en artes musicais, que chegou a ser solista principal na Orquestra do Teatro de Chile e entre as súas actuacións en España merecen mención as realizadas no Teatro da Zarzuela. Na actualidade actúa na rúa, non só polo motivo económico, senón tamén polo promocional.

Paola fixo tamén colaboracións con outro dos protagonistas, Bieito Barreira, músico verinés con formación dobre nos conservatorios de Vilagarcía de Arousa e de Santiago. Bieito exerceu posteriormente, de maneira profesional, en varias orquestras e mesmo foi membro fundador dunha pequena produtora. A Bieito podemos velo no arco do Palacio dende hai xa nove anos tocando a gaita.

Ademais de músicos de formación, documéntanse casos de artistas autodidactas. Miguel, madrileño que chegou a Galicia logo de peregrinar, é un frautista que podemos atopar na rúa das Orfas. Este singular artista, intercala a súa música con algunha pasaxe de lectura e conta que chegou a ler uns 3.000 libros nos últimos anos.

Preto das Orfas, na rúa do Vilar, atopamos a Antonio, un guitarrista que compuxo a primeira melodía con 14 anos. Madrileño de nacemento, percorreu toda España e parte do estranxeiro ata que se asentou en Santiago hai xa 20 anos.

O último dos músicos rueiros é o peculiar músico que atopamos na praza da Quintana, "Kike", quen se fai chamar Jazzman. É un urugaio que leva 54 anos tocando a guitarra gracias á súa avoa, quen lle inculcou o gusto pola boa música. A filosofía deste xenial personaxe é a de tocar por puro pracer, interpretando deste xeito famosas pezas de jazz e blues baixo un singular traxe.

A exposición tamén documenta o traballo de artistas plásticos como Merci, un artista que recorre aos trazos xeométricos, moi preto do movemento cubista e cunha ampla paleta cromática que lle outorga un poder simbólico á súa obra.

Dentro dos artistas rueiros plásticos están igualmente Eugenia, Serxio e Iria, aos que podemos atopar nos soportais de Correos e que xa non son novos nesta actividade. Eugenia opta pola mestura entre debuxo e poesía, mentres que Serxio nos amosa diferentes perspectivas da cidade, dadas polas diferentes técnicas que manexa, cousa que tamén fai Iria a través do cartón.

A mostra pode visitarse na Casa das Asociacións de Cornes (rúa de Manuel Beiras, 3) de martes a xoves en horario de 16:30 a 18:30 e os venres de 16:30 a 20:30 horas.

Compartir: