SERVIZOS SOCIAIS

O mercadiño solidario "Trócame-Roque" celebra este venres a súa terceira edición

07/05/2015 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, presentou a terceira edición do mercadiño solidario Trócame-Roque, organizado pola rede comunitaria de Fontiñas coa colaboración do Concello. Celebrarase este venres 8 nas instalacións de Área Central, entre as 16:30 e as 19:30 horas.

Este proxecto enmárcase dentro do traballo comunitario que se está levando a cabo no barrio das Fontiñas e no que participan entidades como o IES Antonio Fraguas, o CEIP Fontiñas, o CEIP Monte dos Postes, o Centro de Día Arela, Cáritas Parroquial das Fontiñas, o Programa de Atención a Familias Abeiro, Cruz Vermella, a Fundación Secretariado Xitano, a Asemblea de Cooperación pola Paz, o Centro de Saúde de Fontiñas e, por suposto, a Concellería de Servizos Sociais a través da UTS Fontiñas e dos programas municipais socioeducativo e de prevención.

Este mercadiño ten como obxectivo recadar fondos que permitan sufragar un proxecto solidario situado no propio barrio de Fontiñas. Malia que o que se recade será algo simbólico, ese importe destinarase a colaborar no financiamento do gasto dalgunha necesidade socioeducativa detectada na zona, canalizado a través de entidades sociais. Esta necesidade estaría vinculada ao ensino infantil, por ser a etapa de escolarización non obrigatoria que presenta un maior custo de material para as familias, dado que non dispón de bolsas ao efecto.

36 postos e diversas actividades
Máis de 130 cativos de entre 8 e 18 anos estarán nos 36 postos, nos que os asistentes poderán mercar ou trocar artigos elaborados polos rapaces, de segunda man ou doces. Na pasada edición, á que asistiron máis de mil persoas, recadáronse 600 euros.

Ademais do mercadiño, esta iniciativa ten programada unha serie de actividades de animación, que permitan fomentar a participación e reforzar os espazos de convivencia, transmitindo os valores de solidariedade e de igualdade. Entre estas actividades inclúese, ás 17:30 horas, a actuación musical do coro de alumnas e alumnos do IES Antonio Fraguas, dirixido polo profesor D. Carlos Encisa.

De 17:00 a 19:00 horas, programáronse diversos obradoiros, de forma simultánea ao desenvolvemento do propio mercadiño. Así, Cruz Vermella conducirá xogos de grupo dinamizados por voluntariado e un obradoiro de maquillaxe. Pola súa parte, a Asemblea de Cooperación pola Paz impartirá un obradoiro de chapas. Ademais, a entidade recuperará o grupo de mozas e mozos que participaron no ano anterior no proxecto Barrios Abertos para facer unha reportaxe do mercadiño.

Dentro do Programa Municipal de Prevención, preparouse unha exhibición de breakdance ás 18:45 horas, e un obradoiro sobre a mesma temática. Tamén haberá unha exhibición de graffiti sobre film.

O acto de clausura terá lugar ás 19:30 horas, coa actuación de flamenco (baile, caixón e guitarra) a cargo de Isaías Salazar, Miguel Flores e Aarón Hernández.

Obxectivo social e educativo
A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, destacou a elevada participación de veciñas e veciñas nas pasadas edicións deste proxecto, que ademais dun fin social ten tamén carácter educativo. Corral sinalou que "dende a Concellería seguimos defendendo e impulsando un dos nosos fins principais: o fomento da participación activa da cidadanía mediante estratexias socioeducativas que impulsen a solidariedade e a cooperación social organizada, que neste caso, se materializa a través das xuntanzas de coordinación entre entidades do barrio".

A concelleira tamén aproveitou para "agradecer unha vez mais o traballo en rede realizado por tódalas institucións educativas, sanitarias e, por suposto, sociais, de Fontiñas, que traballan a reo cuns fins comúns", así como para "animar a toda a poboación a que se achegue mañá venres, pola tarde, ás instalacións de Area Central.

Máis información do proxecto dispoñible na web Compostela Integra e nos perfís da rede en Facebook e Twitter.

Compartir: