ALCALDÍA

O alcalde recibe un grupo de estudantes franceses que realizan un intercambio co Colexio Manuel Peleteiro

07/05/2015 O alcalde, Agustín Hernández, recibiu esta mañá no Concello un grupo de 26 rapaces e rapazas franceses do Colexio Le Mourion, da vila de Villanueve-lez-Avignon, próxima a cidade de Avignon. Este grupo de estudantes de 3º da ESO están a participan nun intercambio co Colexio Peleteiro, polo que estarán en Compostela ata o mércores día 13 de maio.

Durante a súa estadía en Santiago, que durará nove días, os mozos e mozas franceses visitarán lugares emblemáticos coma a Catedral, o Museo do Pobo Galego, o Mercado de Abasto e distintas dependencias universitarias. Ademais, realizarán excursións a diversos puntos de interese turístico de Galicia coma a cidade da Coruña, Baiona, Santa Tecla, o Grove, a Toxa ou Combarro, e cruzarán a fronteira para coñecer a vila portuguesa de Valença do Minho.

Esta mañá visitaron o Pazo de Raxoi, onde foron recibidos polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, quen lles deu a benvida á cidade e sinalou que Santiago de Compostela e os camiños milenarios que a ela conducen son un lugar propio para o intercambio de linguas e culturas. "Ese intercambio, como o que vós facedes, é unha fonte que enriquece á persoa, de forma individual, pero tamén ao conxunto da sociedade", afirmou.

O rexedor local aproveitou esta ocasión para destacar que "o coñecemento entre culturas, distintas e incluso distantes, alimenta a comprensión, o respecto e o aprecio polo alleo".

Hernández desexoulles aos mozos e mozas unha boa estadía na cidade e que "afondedes nas nosas tradicións, na nosa propia lingua galega, que compartimos coa lingua común española, coa nosa música popular e con todo o que nos identifica. Todo o que nos fai distintos, pero moito do cal veredes que nos aproxima tamén á vosa cultura e a outros pobos dos que recibimos influencia ao longo dos séculos".

Compartir: