EDUCACIÓN

Máis de 185 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música participarán no Auditorio no Festival de Música e Movemento

04/05/2015 Os días 5 e 6 de maio, ás 18:30 horas, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá o Festival de Música e Movemento que tradicionalmente organiza a Escola Municipal de Música. O evento dará a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses na Escola e contará coa participación de máis de 185 alumnos e alumnas, acompañados do profesorado da EMM e das súas familias.

O festival realizarase nunha única sesión e en dous días consecutivos, 5 e 6 de maio, ás 18:30 horas. Intervirán os grupos de Música e Movemento, integrados polos nenos e nenas da Escola con idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos, que interpretarán un programa referido á música e ás matemáticas, en torno ao cal traballarán o coñecemento e relación dos números coa música, as figuras xeométricas e os conceptos de resta e adición.

A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 400 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos; 19 profesores e profesoras que imparten 18 especialidades instrumentais, entre as que destacan o violín (43 alumnos), o piano (36 alumnos), o clarinete (21 alumnos), a percusión (20 alumnos) ou o saxofón (15 de saxofón), por citar algúns dos instrumentos de maior demanda. Ademais, conta con agrupacións musicais nas que se integra o alumnado da Escola: Orquestra de Corda, Orquestra de Iniciación para os máis pequenos, Banda e Banda de Iniciación, Agrupación Tradicional, Agrupación de Música Moderna, Coro Infantil e Coro Xuvenil e de Adultos.

Compartir: