EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música contará cunha orquestra e cun coro propios

21/09/2006 A Escola Municipal de Música, ubicada no Colexio Santiago Apóstolo, comeza un novo curso. Un total de 215 rapazas e rapaces están xa matriculados para esta tempada, que trae varias novidades, como a creación dunha orquestra e dun coro propios no centro, que serán presentados no concerto de Nadal. Este coro estará composto por 25 adultos e 50 nenos e nenas.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou este novo curso escolar, cuxa posta de longo oficial será o martes 26 de setembro ás 19:30 horas. Será unha boa ocasión para coñecer de primeira man o funcionamento desta Escola, que este curso pretende abrise a outros espazos, con concertos nos centros de ensinanza de primaria e secundaria da cidade e nas prazas.

As especialidades instrumentais ofrecidas polo centro son: violín, viola, violonchelo, guitarra, piano, percusión, contrabaixo, acordeón, oboe, frauta, saxofón, clarinete, trompeta, trompa, gaita, guitarra eléctrica e baixo eléctrico. Pero tamén haberá outras actividades, coma diversos cursos, entre os que destaca un pedagóxico sobre a transversalidade na música e outro sobre musicoterapia. E estes únense outros como os de música tradicional galega, flamenco, percusión do mundo, introdución ao jazz, danza ou improvisación.

Todo isto, complementado con conferencias. A música popular cubana, a Europa do Renacemento ao Barroco e a historia da música serán algúns dos temas tratados.

Compartir: