MERCADOS

A reforma da Praza de Abastos pasa por unha revitalización comercial

11/04/2005 Pere Xavier Sirbent, xefe de proxectos do Instituto Municipal de Mercados de Barcelona, e Xosé Manuel Iglesias, concelleiro de Comercio e Mercados do Concello, visitaron a Praza de Abastos de Santiago, a fin de coñecer as características e os plans do Concello para a remodelación comercial e arquitectónica deste recinto.

Segundo apuntou Xosé Manuel Iglesias, o obxectivo da Concellería de Comercio e Mercados é concretar en canto sexa posíbel unha asistencia técnica co Instituto Municipal de mercados de Barcelona. Deste xeito, o Concello contará coa ampla experiencia desta entidade para respaldar e orientar as actuacións municipais, "se é posíbel antes de concretar os termos en que se desenvolverán os convenios coa administracións que forman parte do proxecto", indicou o concelleiro.

O Instituto Municipal de Mercados de Barcelona conta cunha longa traxectoria tanto no ámbito estatal como no internacional. Baixo a súa batuta reformáronse xa uns dezasete mercados en Barcelona e estanse a reformar uns oito máis nesta cidade e seis na periferia, ademais de coordenar a remodelación dos mercados de cidades europeas como Londres e Budapest.

Unha reforma máis comercial que arquitectónica
Pola súa banda, Pere Xavier quixo resaltar a actuación "comercial, máis que arquitectónica" que conlevará a reforma da Praza de Abastos. Esta modernización comercial do mercado compostelán, que, segundo Pere Xavier, garda similitudes co mercado da Boquería de Barcelona, consistirá en facer o acceso ao recinto "máis cómodo, que sexa fácil mercar aquí, que sexa práctico, que a xente non pase frío nin se molle". Tamén se tratará de recuperar o hábito da compra na Praza de Abastos entre a xente nova, para o que quizais sexa necesario "un cambio de horarios".

Tras a visita á Casa do Concello, onde foi recibido polo Alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, Pere Xavier Sinbert manterá unha reunión con representantes da Cooperativa de comerciantes da Praza de Abastos, posto que, na súa opinión, "sen o acordo dos comerciantes non se pode facer nada".

Compartir: