CULTURA

Redrum Teatro presenta a comedia musical "Moito conto" dentro do ciclo Infantil & Familiar

30/04/2015 A compañía compostelá Redrum Teatro presenta este domingo a súa comedia musical Moito conto, dentro do ciclo Infantil & Familiar. Será ás 18:30 horas no Teatro Principal e está dirixida a nenos e nenas a partir dos 5 anos. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre de 18:00 a 21:00 horas, e teñen un prezo de 6 euros. Ademais, pode adquirirse a entrada familiar, mediante a cal, polo prezo de tres (18 euros) retíranse catro.

Pepiño e Manola están a piques de vivir un gran desafío. Enganados pola súa madrastra acabarán perdidos no bosque e vivirán unha aventura que os cambiará para sempre: os nenos terán nas súas mans o destino dos contos e dos soños e terán que salvalo convertendo o que consideraban defectos en virtudes. Moito conto é unha comedia musical 100% ecolóxica dirixida a un público familiar a partir dos 6 anos que, seguindo a estrutura do coñecido conto Hansel e Gretel, trata de educar e concienciar en valores de coidado do medio ambiente e de hábitos de vida saudables.

É un espectáculo que pode sentar ao neno, ao pai e ao avó nas mesmas butacas facendo as ledicias dos tres e que pretende estimular a creatividade dos cativos e chegar aos recordos dos maiores. Trátase de contar con contos e de transmitir aos cativos a importancia de estar abertos a imaxinar, amosarlles que os contos continúan despois de ser contados e que eles mesmos son unha parte fundamental das historias, porque para a imaxinación non existen barreiras.

Redrum propón aos nenos reinventar os contos tradicionais e invita aos maiores a volver á nenez durante o espectáculo. A mensaxe ecolóxica forma parte do compromiso social de sensibilizar e aportar coñecementos prácticos, de explicar porque é tan importante reciclar e facer un uso responsable da enerxía. Esta mensaxe ecolóxica está inserida en todo o espectáculo dende diferentes ópticas. Ademais de estar implícita no texto e nas cancións, a escenografía e o atrezzo de Moito conto están construídos con materiais 100% reciclados ou reciclables e a tecnoloxía led consume un 90% menos de enerxía. O Planeta precisa que demos ás cousas unha segunda vida.

Redrum Teatro é unha compañía creada no 2009 por mozos procedentes do sector audiovisual e que nace coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega. Entre as máximas da compañía está a posta en escena de espectáculos pensados para o público, primando a claridade na narración e un coidado deseño artístico.

Compartir: