ALCALDÍA

O alcalde cualifica a Filgueira Valverde como "unha das figuras clave da cultura galega do século XX e destaca o seu labor para dignificar a lingua e a cultura de Galicia

28/04/2015 O alcalde de Santiago asistiu á apertura da exposición Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia, que estará na Biblioteca Ánxel Casal ata o 9 de maio. Esta mostra, segundo Agustín Hernández, ofrece a posibilidade de descubrir "o labor dunha das figuras clave da cultura galega do século XX".

Hernández destacou que esta mostra honra a figura "dun dos maiores e mellores difusores da historia e da cultura xerada arredor da nosa cidade, a quen xustamente a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas". Lembrou que Xosé Filgueira Valverde "foi durante toda a súa vida un namorado de Compostela, onde viviu, se formou e á que lle dedicou boa parte do seu pensamento e da súa obra, compartindo a querenza coa súa Pontevedra natal".

Tras repasar súa vinculación con Compostela a través da súa etapa universitaria ou da colaboración coa prensa compostelá ou con diversas institucións radicadas na cidade, o alcalde recordou que Filgueira Valverde recibiu en 1990 a Medalla de Ouro da Cidade de Santiago, outorgada polo Concello en atención á súa dedicación a Compostela, á que lle dedicou 42 libros e folletos, 223 artigos e 116 conferencias.

En particular, Hernández destacou a súa participación no "espírito propio do grupo Nós" e o seu labor como "un dos últimos grandes polígrafos de Galicia, de ampla erudición e gran coñecedor e viaxeiro polos concellos e as comarcas da nosa terra". Tamén neste ámbito, referiuse á súa activa participación nas xeiras, "aquelas viaxes de estudo que os investigadores facían por toda a nosa xeografía para descubrir os valores do pobo".

A través desta exposición –indicou o alcalde, pódese descubrir "o labor dunha das figuras clave da cultura galega do século XX", porque "Filgueira Valverde foi un fillo do seu tempo. Unha persoa que cultivou e dignificou a lingua e a cultura de Galicia nun marco de grandes dificultades e que, por riba de calquera outra consideración, construíu unha obra inmortal, chea de amor á súa terra".

Mostra itinerante
A exposición Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia, comisariada por Carlos Valle e organizada conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, levará por Galicia adiante a figura intelectual e humana de Filgueira.

Estará no vestíbulo da Biblioteca Ánxel Casal ata o 9 de maio. Poderá visitarse no horario habitual de apertura do centro: de luns a venres de 8:30 a 21:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.

Compartir: