ALCALDÍA

Todo listo para a celebración esta fin de semana do Campionato de España de Enduro

24/04/2015 O alcalde, Agustín Hernández, e a concelleira de Deportes, María Corral, asistiron á exhibición previa ao Campionato de España de Enduro, que se celebra este sábado e domingo en Santiago de Compostela. As motos participantes permaneceron este venres nun parque pechado na praza do Obradoiro, onde os afeccionados puideron coñecer tamén os 184 pilotos que competirán nos circuítos habilitados nas inmediacións do Estadio de San Lázaro e no Monte do Gozo.

Dende a praza do Obradoiro, os participantes desprazaranse nas xornadas do sábado e do domingo aos circuítos de San Lázaro e do Monte do Gozo para as diferentes especiais. En ambos emprazamentos haberá lugares habilitados para que o público poida presenciar, de xeito gratuíto, esta espectacular competición. Tanto o sábado como o domingo, as carreiras iniciaranse a partir das 9:00 horas e as cerimonias de entrega de premios celebraranse en torno ás 16:00 horas.

A competición, organizada polo Moto Club Móvete na Moto coa colaboración do Concello de Santiago, contará con destacados pilotos nacionais e internacionais, como Xacob Agra, Aaron Bernárdez, Víctor Guerrero, Iván Cervantes, Mario Román, Juan Pérez de la Torre, Lorenzo Santolino, Oriol Mena, Joakim Ljunggren, Joan Barreda, Jordi Figueras, Danny McCanney, Jaume Betriu, Joan Pedreró, David Knight, Anthony Boissiere, Julien Gauthier ou Fabien Planet, entre outros.

Compartir: