CONSORCIO

Abe Rábade presenta a obra que compuxo para a Real Filharmonía e que se estreará a vindeira semana en Santiago e Ourense

24/04/2015 O afamado pianista e compositor compostelán de jazz Abe Rábade compuxo unha obra para a Real Filharmonía de Galicia. A peza estrearase a vindeira semana en Santiago, interpretada polo trío que lidera o músico nun concerto coa RFG. Será o xoves día 30, coincidindo co Día Internacional do Jazz, no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas.

Ademais, a orquestra desprazarase o venres a Ourense, onde actuará de novo xunto a Abe Rábade Trío na Praza de Santa Eufemia, ás 22:00 horas, no marco do XIX Festival de Jazz de Primavera. En ámbalas citas levará a batuta o director titular da RFG, Paul Daniel.

Este luns, 27 de abril, presentarase a obra en rolda de prensa. No acto contarase coa asistencia do propio Abe Rábade e de Paul Daniel. Tamén estarán o director técnico da RFG, José María Montes; e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Compartir: