CONSORCIO

A Real Filharmonía pecha a súa xira en Bos Aires cun dos concertos de máis eco internacional da súa súa historia

20/09/2006 O Teatro Coliseo de Bos Aires encheu o seu aforo de 1.700 localidades para acoller o último concerto da Real Filharmonía de Galicia, incluido na xira iniciada en Sao Paulo o 11 de setembro.

A este concerto asistiu de novo o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado do embaixador de España en Arxentina, Carmelo Angulo Barturen. O alcalde xa estivera acompañado a noite anterior no Teatro Avenida polo vicepresidente arxentino, Daniel Osvaldo Scioli, que exercía de presidente en funcións; así como polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o xerente do Consorcio da Cidade de Santiago, Xosé Manuel Villanueva, o alcalde de Bos Aires, Jorge Telerman, e representantes de tódalas casas e asociacións de galegos na Arxentina.

A Real Filharmonía é a primeira orquestra española contratada para o ciclo de concertos "Nuova Armonía", o de máis prestixio de Bos Aires e propietaria do Teatro Coliseo, por onde teñen circulado recentemente orquestras como a St. Petersburg Philharmonic Orchestra, con Yuri Temirkanov, a New York Philharmonic Orchestra ou a London Filharmonía.

O programa do Teatro Coliseo acordado cos organizadores foi un repertorio clásico europeo, con obras de Mozart, Beethoven, Arriaga e Mendelssohn. Un repertorio que responde ao prestixio que a Real Filharmonía, con Antoni Ros Marbà, foi adquirindo na interpretación destes grandes compositores.

A xulgar pola acollida do público bonaerense e pola receptividade dos medios de comunicación, este último concerto resultou ser un dos que máis eco internacional espertou, así como un dos que, en opinión dos propios compoñentes da orquestra, máis satisfacción lles produciu ao longo dos seus dez anos de historia.

Concerto emotivo

Este concerto de peche foi precedido por outro aínda máis emotivo no Teatro Avenida, xa que iniciaba o conxunto de actos do centenario do Centro Galego de Bos Aires. Xa desde o inicio, o público ovacionou á Real Filharmonía, que ofreceu un magnífico concerto con obras de Juan Durán e Manuel de Falla. O director da Orquestra, Ros Marbà, ofreceu como sorpresa ao finalizar este concerto, unha versión orquestal de "Negra Sombra", que emocionou a un público amplamente representado por galegos residentes no país. De seguido, a Real Filharmonía tocou unha aria de zarzuela nun teatro no que, como o Avenida, a zarzuela foi o cartel principal ata hai uns anos, provocando o favor do público que, posto en pé, volveu agradecer o repertorio.

Ros Marbà xa era coñecido en Bos Aires, onde dirixira tres óperas no Teatro Colón, o templo da lírica e da danza mundial, e que está a recuperar unha das mellores acústicas do planeta trala súa restauración actual. No mesmo Teatro Avenida, Ros Marbà dirixira tamén unha zarzuela na súa xuventude, a mediados dos sesenta.

Compartir: