ALCALDÍA

Hernández destaca o papel das residencias e dos servizos de atención aos maiores para "elevar a calidade de vida da nosa sociedade"

23/04/2015 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, participou en San Martiño Pinario no acto institucional de apertura das XIV Xornadas Nacionais de Lares-Acolle (Federación de Residencias e Servizos de Atención aos Maiores e Asociación Galega de Residencias de Anciáns de Iniciativa Social). Xa pola tarde, o rexedor recibiu os comités organizador e científico e aos relatores no Pazo de Raxoi.

Estas Xornadas Nacionais da Fundación Lares reúnen os representantes de 17 asociacións que integran a preto dun milleiro de centros e servicios, con 35.000 traballadores asalariados e outros 9.500 voluntarios que atenden a uns 70.000 maiores en toda España. A esta Federación pertence a asociación galega Acolle, que este ano cumpre o seu vixésimo aniversario atendendo a preto de 900 residentes nos seus 11 centros asociados en Galicia.

Hernández destacou o a contribución do chamado "terceiro sector" no desenvolvemento social e económico de Galicia e de España. "Sen a contribución desa terceira vía do sector solidario que constitúen as asociacións e entidades de carácter privado, voluntario e sen ánimo de lucro, sería difícil articular respostas adecuadas a servicios esenciais, como a asistencia ás persoas maiores, un segmento da poboación cun peso específico cada vez máis acusado na nosa sociedade e con demandas e necesidades progresivamente máis complicadas de responder adecuadamente", indicou.

Hoxe, dixo, "fanse imprescindibles as residencias e dos servizos de atención e apoio aos maiores". Co seu traballo en prol dos demais, estas entidades "contribúen á atención e ao coidado das persoas cando máis o necesitan, e son un elemento capital para elevar a calidade de vida da nosa sociedade", apuntou o rexedor municipal.

Nese ámbito, valorou a participación de entidades sociais como as integradas na Federación Lares, que "fan posible unha resposta social coordinada e conxunta de organizacións públicas e privadas para ofrecer gran número de servizos e poder afrontar o reto de manter o Estado do Benestar que durante tantos anos e con tanto esforzo temos alcanzado".

En palabras do alcalde, esta resposta "non é tarefa fácil", xa que o mantemento de infraestruturas, instalacións e servizos sociais "ten o problema engadido da necesaria financiación, cuestión que afecta por igual a centros e organizacións públicas e privadas, e que fan da eficiencia e a correcta asignación de recursos unha prioridade e a garantía duns servizos sostibles e axustados ás necesidades".

Compartir: