DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE E MOBILIDADE

Continúan os traballos na rúa Carretas

22/04/2015 Nas próximas dúas semanas, a empresa encargada das obras de rehabilitación da rúa Carretas actuará entre a rúa García-Sabell e a entrada do almacén do Hostal dos Reis Católicos, nos primeiros oitenta metros lineais aproximadamente, realizando labores de demolición de pavimento e canalización de servizos.

Deixarase un espazo de aparcamento desde a entrada do almacén ata a rúa das Hortas para non entorpecer os labores de carga e descarga, así como para permitir a parada dos residentes. Cómpre lembrar que, dende o inicio das obras, o pasado 14 de abril, está pechada ao tráfico esta rúa no tramo comprendido entre a rúa García-Sabell e a rúa das Hortas, así como prohibido o estacionamento.

Os vehículos de carga e descarga e os residentes poden acceder por San Clemente e Trinidade e saír pola rúa das Hortas. O tráfico procedente de Xoán XXIII - Costa de San Francisco ten que xirar obrigatoriamente cara Entrerríos. O estacionamento de motos trasladouse provisionalmente detrás do antigo asilo de Carretas (rúa García-Sabell).

Detalles da obra
Esta actuación busca dar resposta a unha vella demanda veciñal encamiñada á peonalización da rúa, permitindo só o acceso a residentes, mercadorías e servizos públicos. A obra adxudicouse por un importe de 622.482 euros e un prazo de execución de cinco meses.

Esta intervención, aprobada por unanimidade pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, pretende continuar coa transformación do ámbito das rúas San Clemente, Trindade e Carretas e vincular esta rúa ao entramado do núcleo histórico. Así, o pavimento será de lousa granítica ao longo dos 150 metros nos que se actuará, cunha pequena zona de transición con cantos rodados no encontro coa rúa García-Sabell. Terá bolardos e aparcabicletas metálicos, alcorques de ferro fundido para o arborado, bancos de pedra e de madeira, papeleiras, unha fonte-bebedoiro e xardinería.

As obras servirán tamén para a mellora da rede de abastecemento e de saneamento, que separará as augas pluviais das fecais; mantendo o servizo de gas natural, soterrando a rede xeral eléctrica e tamén a rede de telecomunicacións, que irá por un prisma único de formigón. Instalaranse novas luminarias co mesmo formato que as existentes no núcleo histórico, con tecnoloxía led, substituíndo os cables aéreos actuais por outros soterrados.

En definitiva, a rúa vai integrar a súa estética no ámbito histórico, modernizando os seus servizos e renovando o seu pavimento. A apertura da rúa García-Sabell fai posible a reconversión dunha rúa con tráfico rodado para integrala na rede peonil do núcleo histórico, o que significa ampliar a identidade da tradicional zona vella ata o inicio da rúa das Hortas.

Compartir: