FESTAS

Saen á venda as entradas para o concerto de Emir Kusturica nas Festas da Ascensión

22/04/2015 Xa están á venda as entradas para asistir ao directo de Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra en Santiago de Compostela. O artista multidisciplinar e a súa banda actuarán na praza da Quintana o próximo sábado 16 de maio, sendo un dos nomes principais da programación das Festas da Ascensión de 2015.

As entradas acaban de poñerse a disposición do público cunha promoción especial: os 200 primeiros contan cun prezo reducido de 12 euros máis gastos. A partir de aí, os pases terán un custo en venda anticipada de 15 euros máis gastos. Xa no día do concerto, o prezo na porta será de 20 euros. As entradas están dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas), na Reixa Tenda, en Miranda – Cultura para levar, en entradas.abanca.com e en ticketea.com.

A apertura de portas para o concerto do 16 de maio efectuarase ás 20:30 horas. Ás 21:00 abrirá o espectáculo un artista convidado, que se anunciará en próximas datas. A continuación, ás 22:00 horas, será a quenda do vibrante directo de Kusturica.

Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra
Os integrantes do proxecto liderado por Emir Kusturica destacan de si mesmos que non seguen relixión, negocio nin dogmas e que son unha formación nómade. Esa liberdade creativa levounos a percorrer medio mundo co seu espectáculo único e rítmico, que sitúa na vangarda as súas raíces musicais balcánicas e que coloca a calidade por enriba do afán comercial.

A gravación en 1999 de Unza unza time supuxo o inicio dunha traxectoria de directos nos que o baile e a diversión son inevitables e ese é precisamente un dos obxectivos da banda: que "non haxa un par de pés que logren estar quedos mentres tocamos". Abandeirados dun son explosivo, recibiron unha grande acollida da crítica e tamén do público que asistiu aos seus concertos en cidades como Bos Aires, Tokio, Nova York, Sidney, Tel Aviv, San Paulo, Montreal, Moscova, París e un longo etcétera.

Compartir: