SERVIZOS SOCIAIS

Segue o programa "A nosa vida en positivo" cunha conferencia sobre como ser mozo hoxe

21/04/2015 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, asistiu no Centro Sociocultural das Fontiñas á conferencia "Ser mozo hoxe", impartida polo psicólogo Javier Urra no marco do programa A nosa vida en positivo, promovido pola Concello en colaboración co equipo comunitario do barrio de Fontiñas.

A esta sesión acudiron uns 180 alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria dos CEIP das Fontiñas e Monte dos Postes e do IES Antonio Fraguas. Está previsto que esta tarde, ás 17:00 horas, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asista á repetición desta conferencia, neste caso para todos os centros educativos da cidade.

Tras o obradoiro celebrado este mesmo mes para explicar a responsabilidade legal do menor, o programa A nosa vida en positivo continúa con esta dobre cita, da que se encarga Javier Urra Portillo, doutor en Psicoloxía e Ciencias da Saúde e pedagogo terapeuta.

Tal como explicara no devandito obradoiro a concelleira de Servizos Sociais, María Corral, este proxecto ten un enfoque preventivo, traballando temas da vida cotiá, relacionados coas dificultades que os menores poden atopar no proceso de crecemento persoal. Así, considérase a información como unha ferramenta básica para as persoas se poidan orientar na toma de decisións.

"Entre os obxectivos do programa está que as rapazas e rapaces saiban que hai organismos públicos que velan pola súa protección e se preocupan en traballar aspectos que inciden no seu benestar e no das súas familias; que coñezan que toda persoa é titular de dereitos, pero tamén de obrigas, e que isto é básico para vivir en familia e en comunidade", afirmou a concelleira, apelando aos mozos e mozas a "ser conscientes de que os nosos actos teñen sempre consecuencias, unhas positivas e outras non tanto e que os erros, en certa medida, tamén se poden reconducir, dependendo sempre da nosa vontade".

Compartir: