ALCALDÍA

Sánchez Bugallo asiste ao concerto da Real Filharmonía de Galicia no Teatro Avenida de Bos Aires

19/09/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, continúa coa súa viaxe a Bos Aires, onde asistiu ao concerto da Real Filharmonía de Galicia no Teatro Avenida desta cidade. Foi un concerto multitudinario, no que a orquestra recibiu o recoñecemento unánime do público arxentino pola súa interpretación de temas de Juan Durán e Manuel de Falla.

Neste concerto acompañou a Sánchez Bugallo o vicepresidente arxentino, Daniel Osvaldo Scioli, que nesta ocasión exercía de presidente en funcións. Ademais, asistiron ao espectáculo o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o xerente do Consorcio da Cidade de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o alcalde de Bos Aires, Jorge Telerman, e representantes de todas as casas e asociacións de galegos da cidade bonaerense.

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Antoni Ros Marbá, comezou o concerto tocando, respectivamente, os himnos arxentino e galego. A continuación interpretou as "Variacións sobre un tema de Sorozábal", do galego Juan Durán, e varias composicións de Manuel de Falla. Para rematar, a orquestra regalou aos asistentes a zarzuela "La tarántula" e "Negra sombra", un arranxo para corda de Maximino Zumalave e Ánxel Brage .

Este concerto forma parte da xira latinoamericana que está a realizar a orquestra e que os levou tamén a Brasil. En concreto, o do Teatro Avenida foi organizado con motivo do centenario do Centro Galego de Bos Aires.

Na xornada do martes 19, o alcalde entrevistarase co alcalde de Bos Aires, Jorge Telerman, e manterá un encontro con diversos medios bonaerenses.

Compartir: