CULTURA

Russian Circles, Helms Alee e Cuchillo de Fuego, protagonistas do TriCiclo 8

16/04/2015 Unha nova edición do TriCiclo, e xa van oito, chega á Sala Capitol cos norteamericanos Russian Circles (Chicago) e Helms Alee (Washington) como protagonistas, que estarán acompañados na súa primeira visita a Galicia polos pontevedreses Cuchillo de Fuego. Será este venres 17, a partir das 20:30 horas e dentro do ciclo Compostela Rock.

O de Russian Circles é un deses casos nos que se cumpre esa máxima que di que non é necesario inventar nada mentres sexas bo no que fas. A súa fusión de rock e metal converteunos nunha das bandas máis importantes do momento no seu estilo. Despois de máis de 10 anos na brecha, con cinco álbums e concertos por todo o mundo, os de Chicago veñen por primeira vez a Galicia para participar no TriCiclo.

O trío de Washington, Helms Alee, representa o espírito musical do novo século, unha banda onde talento individual e consenso compositivo dialogan en igualdade de condicións. É imposible non alucinar co ciclópeo baixo de Dana James, prostrarse ante a versatilidade infinita do guitarrista Ben Verellen (dono da súa propia empresa de amplificadores) e terminar dobregado coa clase e pegada sobrehumana da señorita Matheson-Margullis, a estrela máis brillante deste excelso firmamento.

Cuchillo de Fuego son a guinda ao pastel duns anos nos que a música realmente independente floreceu en Galicia con agreste fereza. Os pontevedreses son a crista de sangue na que rompe esa onda autoxestionada, libre e nova. Expansivos, encabuxados, plenos de humor agridoce e (auto)crítica social e persoal, son dende xa una desas bandas vitais e necesarias capaces de definir a súa época.

As entradas teñen un prezo de 12 euros anticipada e 15 euros o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en Ticketea, Sala Capitol e A Reixa Tenda.

Compartir: