COMERCIO

Seis pequenos comercios de Santiago de Compostela xa teñen a súa estrela

15/04/2015 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, participou na presentación do Paseo das Estrelas, no que figura o nome dos comercios premiados no programa Santiago Comercio de Cine. O Paseo sitúase na rúa Xeneral Pardiñas, no tramo comprendido entre Montero Ríos e República do Salvador, e pon en valor estes establecementos nunha rúa moi transitada da cidade e con gran vocación comercial. Os premios tratan de dar a coñecer os valores do pequeno comercio da cidade e de concienciar aos consumidores da necesidade de apreciar o propio, de apoiar a quen, co seu traballo e co seu afán diario, ofrece o mellor servizo, achega emprego e riqueza, e axuda a proxectar a imaxe e o prestixio de Santiago.

Os comercios cunha estrela neste Paseo son os galardoados na última edición do programa Santiago Comercio de Cine. Na estrela indícase o nome do establecemento e a categoría na que resultaron gañadores. É o caso de Deportes Cibeira, que obtivo o recoñecemento ao Comercio Veterano. Deportes Cibeira iniciou a súa actividade hai case 36 anos e está rexentado hoxe pola terceira xeración de comerciantes. Aínda que na súa tenda da rúa Santo Domingo da Calzada traballa practicamente todas as disciplinas deportivas, a súa especialidade está na pesca deportiva, á que lle dedica integramente unha planta do seu local. Ademais, promove no río Ulla un dos concursos de pesca máis importantes e antigos de Galicia.

O premio á Innovación foille outorgado a Susi Gesto Ourive, que representa a terceira xeración duns artesáns de gran tradición na cidade. Hai escasos meses, houbo a oportunidade de contemplar o traballo de Eloy Gesto nunha mostra na Casa do Cabido. Ese labor continúao hoxe a súa filla á fronte dunha tenda e dun taller abertos ao público na Algalia de Abaixo, con novos deseños e materiais e facendo uso das novas tecnoloxías.

A orixinalidade é un dos distintivos do premiados na categoría de Comercio de Autor: Nippon Store. Esta tenda, que dende a rúa Fernando III O Santo comercializa produtos xaponeses, axuda a potenciar o fío gastronómico e espiritual que une a gastronomía galega coa nipona.

Corazón do Loto, comercio da rúa da Angustia, foi distinguido co premio Agarimo. Trátase dun espazo saudable, familiar e de trato personalizado que o ten seu centro de actividade na alimentación orgánica, na aromaterapia, nas masaxes e nos tratamentos naturais.

A capacidade de iniciativa motivou a distinción de Xearte Brigitte co premio Emprende. Dende a rúa de San Pedro, este establecemento sorprende coa súa e variedade no mundo do xeado, con creacións tan vinculadas a Santiago coma os xeados con sabor a tarta de Santiago ou o xeado peregrino.

La Reina de Saba recibiu o premio ao Comercio de Barrio. Esta perfumería a granel iniciou dende a Algalia de Arriba a súa expansión a outras poboacións e fíxose merecedora de tres premios en anteriores concursos municipais.

Compartir: