CENTROS SOCIOCULTURAIS E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello pon en marcha unha campaña de promoción da lectura e de reforzo do uso do galego nos centros socioculturais

15/04/2015 Baixo o título Ler, contar e gozar coas letras 2015, a Concellería de Cultura organiza un conxunto de accións para a promoción da lectura e das letras coincidindo con datas significativas dos meses de abril e maio coma o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), o Día do Libro (23 de abril), o Día das Letras Galegas (17 de maio) ou a Feira do Libro de Santiago, que se celebra tamén en maio.

Para conmemorar estas datas, deseñouse unha serie de actividades dirixidas a todos os públicos, que terán lugar nos centros socioculturais, baixo os obxectivos de fornecer canles para achegármonos á literatura, promover a lectura e reforzar o uso do galego neste ámbito.

Á hora de realizar a programación dos contidos desta campaña tivéronse en conta a narrativa e a poesía galega actuais, a dinamización a través da escrita creativa ou o achegamento da literatura aos nenos con obradoiros lúdicos, música, teatro de monicreques ou contacontos.

O programa inclúe un total de 13 actividades, entre as que destacan oito obradoiros para nenos e mozos, un encontro co escritor compostelán Diego Ameixeiras, unha tertulia-café co editor Henrique Alvarellos, unha sesión de poesía e xogo a cargo da poeta María Lado, un taller de creación literaria e unha dinámica de creación colectiva, "Cadáver exquisito", que se desenvolverá simultaneamente en 13 centros socioculturais (Vite, Conxo, As Fontiñas, Santa Marta, O Castiñeiriño, O Ensanche, As Cancelas, Casa Agraria, Marrozos, Villestro, Lavacolla, Pontepedriña e Amio) e que permitirá aos participantes construír un texto libre e espontáneo a partir da frase "Será por palabras!".

Rede de bibliotecas
O deseño das accións incluídas neste programa parte da base do traballo que de xeito permanente se realiza dende a rede de bibliotecas dos centros socioculturais e procura o seu enriquecemento con novas propostas para os clubs de lectura, como a oportunidade de dialogar en directo cun autor galego de novela negra, Diego Ameixeiras, ou a proposta de levar os libros a novos espazos. Esta última é a pretensión de "Café con libro" unha cita, neste caso cun editor, nun marco privilexiado para o coloquio e diante dunha cunca de café, na que se reflexionará sobre outras experiencias de lectura.

Esta campaña de dinamización e promoción da lectura está vinculada ás bibliotecas dos centros socioculturais de Vite, Fontiñas e Santa Marta, aínda que tamén se realizarán outras actividades en espazos dos CSC do Ensanche, A Trisca, As Cancelas, Casa Agraria, Marrozos, Villestro, Lavacolla, Pontepedriña, Castiñeiriño e Amio.

Poderán ser partícipes das diferentes accións desta iniciativa, que vai dirixida ao público infantil, xuvenil e adulto, os/as usuarios/as dos centros socioculturais de Santiago. Algunha das actividades está especialmente pensada para os participantes dos clubs de lectura dos centros socioculturais.

Todas estas actividades son gratuítas.

Homenaxe a Filgueira Valverde
Dende a Concellería de Cultura seguen a traballar en máis accións para esta campaña, como a que se realizará o día 30 de abril no Teatro Principal, dirixida aos escolares. Baixo a dirección de Serafín Marcos, homenaxearase ao escritor Xosé Filgueira Valverde, a quen se se dedica o Día das Letras Galegas deste ano.

A concelleira de Cultura, María Antón, destacou que, con esta iniciativa "sumámonos á Campaña de Animación á Lectura, organizada pola Concellería de Educación, para que a xente se anime a enriquecer o seu tempo de ocio coa lectura".

Imaxe da campaña
Para achegar esta campaña ao público empregarase o cartel que este ano conmemora o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, ilustrado por Nasim Abaeian, así como a difusión da mensaxe da escritora Marwa Obaid, que conmemora ese mesmo evento. A mensaxe pode lerse aquí.

Compartir: