DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Comeza a reurbanización da rúa Carretas

13/04/2015 Este martes 14 de abril arrancan as obras de reurbanización da rúa Carretas, actuación que busca dar resposta a unha vella demanda veciñal encamiñada á peonalización da rúa, permitindo só o acceso a residentes, mercadorías e servizos públicos. A obra adxudicouse por un importe de 622.482 euros e un prazo de execución de cinco meses.

Esta intervención, aprobada por unanimidade pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, pretende continuar coa transformación do ámbito das rúas San Clemente, Trindade e Carretas e vincular esta rúa ao entramado do núcleo histórico. Así, o pavimento será de lousa granítica ao longo dos 150 metros nos que se actuará, cunha pequena zona de transición con cantos rodados no encontro coa rúa García Sabell. Terá bolardos e aparcabicletas metálicos, alcorques de ferro fundido para o arborado, bancos de pedra e de madeira, papeleiras, unha fonte-bebedoiro e xardinería.

As obras servirán tamén para a mellora da rede de abastecemento e de saneamento, que separará as augas pluviais das fecais; mantendo o servizo de gas natural, soterrando a rede xeral eléctrica e tamén a rede de telecomunicacións, que irá por un prisma único de formigón. Instalaranse novas luminarias co mesmo formato que as existentes no núcleo histórico, con tecnoloxía led, substituíndo os cables aéreos actuais por outros soterrados.

En definitiva, a rúa vai integrar a súa estética no ámbito histórico, modernizando os seus servizos e renovando o seu pavimento. A apertura da rúa García Sabell fai posible a reconversión dunha rúa con tráfico rodado para integrala na rede peonil do núcleo histórico, o que significa ampliar a identidade da tradicional zona vella ata o inicio da rúa das Hortas.

Corte de tráfico
Con motivo destas obras, a partir do martes 14 de abril pecharase ao tráfico a rúa Carretas no tramo comprendido entre a rúa García-Sabell e a rúa das Hortas. Tamén estará prohibido o estacionamento.

Os vehículos de carga e descarga e os residentes poderán acceder por San Clemente e Trinidade e saír pola rúa das Hortas. O tráfico procedente de Xoán XXIII - Costa de San Francisco deberá xirar obrigatoriamente cara Entrerríos.

Os estacionamento de motos trasladarase provisionalmente detrás do antigo asilo de Carretas (rúa García-Sabell).

O Concello de Santiago de Compostela prega aos cidadáns desculpen as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.

Compartir: