CULTURA

Pisando Ovos presenta "Que volvan as flores" dentro do ciclo Danza 2015

13/04/2015 A compañía coruñesa Pisando Ovos presenta Que volvan as flores dentro do ciclo de Danza 2015. Será este martes 14 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Creada e dirixida por Rut Balbís con Janet Novás como axudante de dirección, conta con iluminación de Alfonso Castro. As entradas teñen un prezo de 6 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas) ou en entradas.abanca.com e no 902 434 443.

Que volvan as flores é unha práctica sobre a creación de imaxes no momento. A peza reconstrúese cada vez que se representa e a variación é unha característica constante na súa recreación. Partindo do concepto do desapego ás accións e inmersa nesta rutina de "refacer", Rut Balbís enfróntase en cada exposición da obra a un momento diferente do que quere facer partícipe ao público.

En Que volvan as flores son 25 cadeiras as que dan volume ás imaxes que se constrúen e deconstrúen invitando ao espectador a encher coa súa mirada os ocos baleiros. Que volvan as flores é o último traballo creado e protagonizado por Rut Balbís para Pisando Ovos, compañía residente no Teatro Ensalle de Vigo cuxa dirección asumiu en solitario en 2008. Unha peza aberta e viva que se transforma a medida que pasa o tempo.

Bono Danza
A obra está incluída no Bono Danza 2015. Este bono entrégase gratuitamente coa compra dunha localidade para calquera dos espectáculos incluídos no catálogo Danza 2015 e dá dereito a un desconto do 25% na compra da entrada (máximo unha entrada por espectáculo) para o resto das representacións do catálogo Danza 2015.

O desconto do 25% no prezo da entrada poderá facerse efectivo mostrando este bono e o DNI no despacho de billetes do Teatro Principal (18:00-21:00 h, de martes a sábado) e na Zona C e no Salón Teatro os días de espectáculo.

Este bono é persoal e intransferible. Non acumulable a outros descontos.

Compartir: